En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Eitzaga, un novo concepto de gastrobar e restaurante á carta, no Barco de Valdeorras

O local de hostalaría, sito na rúa Abdón Blanco Nº 1, abría as portas na tarde deste venres 7 de maio

 

Coa chegada do bo tempo e ás portas do verán, a comarca de Valdeorras amplía a súa oferta hostaleira. Entre o concepto de gastrobar (o tradicional bar de tapas) e restaurante á carta se move Eitzaga, un novo establecemento de restauración onde “comer ben a prezos asequibles”, situado na céntrica rúa Abdón Blanco Nº 1 (local no que estiveron o bar Teis e máis tarde a cafetería Principal), que abría as portas na tarde deste venres 7 de maio.

 

Interior do local.

 

Tal como explica o propietario, Javier Garrido Carrera, o nome do local fai referencia ao seu pobo natal, no País Vasco, unha pequena localidade rural de caseríos e rica gastronomía. E boa comida, elaborada con esmero e profesionalidade será tamén o que se atopen os clientes de Eitzaga, que mimará especialmente o apartado das tapas, sen descoidar a carta do restaurante nin o servizo, con profesionais do sector, tanto detrás da barra do bar coma no comedor e por suposto, a cociña.

“O que queremos é basearnos na cociña tradicional cuns toques modernos, ao tempo que fusionamos pratos da cociña extremeña, vasca e galega”, explica Tomás Mendigutía de la Cruz, cociñeiro con ampla experiencia no sector.

 

O equipo de traballo de Eitzaga está formado por Tomás, Vanesa, Sebastián e Martín.

 

Con respecto ás tapas, pretenden marcar a diferenza en canto a variedade e elaboración, partindo dunha carta de 21 aperitivos de gastrobar diferentes que irán cambiando cada dúas ou tres semanas en función da demanda. “Estamos ao servizo do cliente e el será quen mande”, asegura o propietario. O cociñeiro, pola súa banda, puntualiza que as tapas serán un referente para a comarca e sobre todo para para o local, enfocadas á cociña tradicional con toques modernos, “centrándonos na carne de produtores locais, intentando traer tamén marisco e peixe das lonxas galegas, todo a pequena escala para que a xente poida ir probando”, sen deixar de lado unha ampla variedade de viños e cervexas.

O horario do local será de 8 da mañá a peche, con servizo dende o almorzo estilo europeo (café, tostas, ovos revoltos,…), pasando pola comida o tapeo e a cena.
Para reservas, teléfono: 604 034 158.

Máis imaxes da inauguración no seguinte enlace: https://osil.info/a-inauguracion-de-eitzaga-o-barco-en-imaxes/

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button