CulturaCulturaÚltima hora

“El Rey León” e “Rosa Caramelo” abren o programa outonal no Centro Cultural Avenida

Despois do parón estival, A Rúa retoma a programación de cine e teatro

 

Despois duns meses de inactividade, sen contar actos e celebracións puntuais, o Centro Cultural Avenida da Rúa retoma a programación estable de cine e teatro. E faino esta mesma fin de semana con dúas citas. No apartado de cine, do 4 ao 7 de outubro proxectarase El Rey León, a nova versión de 110 minutos da película homónima de animación de 1994 cos mesmos elementos da obra Hamlet de William Shakespeare. Os horarios son: o venres ás 22:30h; o sábado ás 17, ás 20 e ás 23h; o domingo ás 19:30h. e o luns ás 22h.

 

Fotograma de El Rey León.

 

O teatro chegará o domingo 6 de outubro ás 17h. da man de Rosa Caramelo. A proposta teatral está dirixida ao público familiar con nenos dos 4 aos 8 anos e combina a palabra coa música en directo. Afonda nos roles e nos estereotipos de xénero, para contribuír a desmontar prexuízos sobre aptitudes e actitudes de homes e mulleres e dinamizar o uso da lingua galega na familia. Interpretada por Artur Trillo e Fernando Fraga baixo a dirección de Paula Carballeira, Rosa caramelo e outras historias conta a historia da elefanta Margarida –a única do grupo que non consegue que a súa pel sexa de cor rosa caramelo– e tamén as de Os bonobos con lentes, Unha feliz catástrofe e Artur e Clementina.

Inspirada nos contos da italiana Adela Turín, pioneira na investigación da literatura infantil e xuvenil desde a perspectiva de xénero, e da man da coñecida compañía galega Talía Teatro, forma parte do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2019.

 

Artigos relacionados

Back to top button