ConcellosCulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Elaborando mapas das paisaxes culturais de Trevinca

Do 6 ao 8 de outubro A Veiga acolle o seminario “As Paisaxes Culturais da Montaña Galega”, promovido pola Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega en colaboración co Grupo de Investigación de Análise Territorial

Cun traballo de campo nun percorrido ata a Lagoa da Serpe e a elaboración un mapa colectivo das paisaxes culturais vistas concluía a primeira das xornadas do seminario “As Paisaxes Culturais da Montaña Galega”, que se desenvolverá no entorno do Macizo de Trevinca, o teito de Galicia, do 6 ao 8 de outubro, cunha variada representación de especialistas na materia.

O encontro inaugurábase na mañá do 6 de outubro na biblioteca da Veiga onde se impartían varias ponencias centradas na paisaxe e na acción colectiva, así como nos imaxinarios paisaxísticos galegos postos en relación coa alta montaña. Esta última estaba impartida por Juan M. Trillo e Valerià Paül, da Universidade de Santiago de Compostela.

O obxectivo desta iniciativa é “vincular as cuestións teóricas e os conceptos técnicos expostos durante toda a mañá coa súa posta en práctica descubrindo as paisaxes da montaña galega. Todos os participantes xunto cos coordinadores do seminario estudarán os seus elementos paisaxísticoss, tanto o patrimonial tanxible como o instanxible presentes neste tipo de paisaxes particulares”, segundo os seus organizadores.

O programa do seminario continuará mañá con novas ponencias, entre elas a do historiador barquense Ricardo Gurriarán, que ademais de afondar no patrimonio histórico da minaría en Valdeorras, tamén dirixirá, xunto a Valerià Paül, un traballo de campo sobre as Minas de Vilanova (A Veiga), no contexto do patrimonio histórico da alta montaña galega.

Xa o domingo, o seminario completarase con novas intervencións sobre as paisaxes de montaña e o cambio climático, a ordeación das áreas de montaña, así como sobre sostibilidade, protección e conservación. Como broche, terá lugar un traballo final sobre a planificación dunha paisaxe cultural de montaña e, máis en concreto, con propostas para o alto val do río Xares. De seguido haberá unha presentación de conclusións.

Este seminario está sendo organizado pola Escola Galega da Paisaxe Juana de Vega coa colaboración do Grupo de Investigación de Análise Territorial (ANTE-IDEGA-USC).

Fotos: Carlos G. Hervella agás as dúas últimas, cedidas pola Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega.

Artigos relacionados

Back to top button