Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Elías Rodríguez: “Seguiremos potenciando os servizos sociais con novas prestacións”

O candidato do PP á alcaldía de Rubiá, Elías Rodríguez, presentaba o seu equipo, “unha lista seria e comprometida con este concello”, no mitin do 15 de maio, no que tamén participaban Manuel Baltar e Ethel Vázquez

Medidas sociais, pero tamén de impulso empresarial, medioambiental e turístico, ademais de melloras en infraestruturas. Son algúns dos puntos nos que incide o proxecto que defende o PP para Rubiá, tal e como sinalaba o seu cabeza de lista e actual alcalde, Elías Rodríguez Núñez, no mitin celebrado na tarde do 15 de maio na Casa da Cultura desta vila durante o cal presentaba ao seu equipo, unha “candidatura seria e comprometida con este concello”.

Lembraba o labor desenvolvido ata agora neste municipio, “nós temos unha traxectoria con erros, pero tamén con logros” e recordaba os diversos proxectos acometidos, entre eles a construción dun parque empresarial ou a residencia da terceira idade, “cuns 70 residentes e 15 traballadores”, ademais de actuacións en estradas ou saneamento.

 

Elías Rodríguez, candidato do PP á alcaldía de Rubiá./ Foto: Carlos G. Hervella.

O candidato popular falaba tamén das principais liñas do seu programa para os próximos anos, con “medidas realistas, non imos poñer sobre o papel algo que non se pode realizar”. Así Elías Rodríguez aseguraba que se van “seguir potenciando os servizos sociais coa inclusión de novas prestacións”, “o acondicionamento de núcleos de poboación e estradas locais como xa se está a facer”, arranxos de camiños, mellora do alumeado público en diferentes partes do municipio, o acondicionamento dun local para actividades empresariais e a creación dun punto de atención infantil e continuar coa rehabilitación de vivendas, cunha segunda fase de seis novas vivendas.

O programa popular tamén recolle a construción dun albergue ou aloxamento turístico, a inclusión do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra nun plan de dinamización turística, a dotación anual para a restauración de fachadas en mal estado, a negociación da recuperación da pasarela peonil e o embarcadoiro de Quereño e Covas coa Confederación e outras administracións ou a recuperación e posta en valor de parcelas de bosque auctóctono.

 

 

O cabeza de lista popular amosábase crítico coa oposición asegurando que “nunca fixeron unha proposta de ningún tipo para calquera núcleo do concello” e indicando que a lista coa que se presentan nestas eleccións está formada por xente que “nin vive aquí, nin fai compras aquí, nin está censada, nin teñen médico aquí”.

Neste mitin tamén interviña a conselleira de Infraestruturas e membro da xunta directiva do PPdeG, Ethel Vázquez, quen resaltou do candidato popular á alcaldía de Rubiá que “é unha persoa coas ideas claras e con moitas ganas para seguir traballando polo seu concello, é un candidato que vive aquí e que coñece a fondo o rural”.

Finalmente, tomaba a palabra o presidente do PP de Ourense e candidato á presidencia da Deputación, Manuel Baltar, quen destacaba de Elías Rodríguez o seu “traballo constante e o seu carácter dialogante, pero reivindicativo, características básicas para estar á fronte dunha alcaldía”. Baltar comprometeu para o próximo mandato a apertura dunha sede comarcal da Deputación de Ourense, “coa que completaremos todas as iniciativas que puxemos en marcha nestes anos”.

Artigos relacionados

Back to top button