Sanidade

Eloína Núñez nomeada mellor “Xerente Innovador 2013”

A xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras foi premiada por SEDISA
Rloína Núñez, xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeoras. /Foto: Carlos G. Hervella.
Rloína Núñez, xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeoras. /Foto: Carlos G. Hervella.

A Sociedade Española de Directivos da Saúde (SEDISA) vén de facer público o nomeamento da xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Eloína Nuñez Masid, como mellor “Xerente Innovador 2013”, un galardón que ten por obxectivo sinalar o labor dos xestores máis destacados a nivel nacional.

Segundo explican dende o Sergas, os membros do xurado destacan, no seu recoñemento á xerente ourensá, “a súa ampla experiencia en xestión sanitaria en tódolos ámbitos, tanto de atención primaria como hospitalaria, e o seu papel no desenvolvemento da integración entre diversos niveis asistenciais, así como súa responsabilidade na execución dos importantes proxectos de innovación sanitaria, entre os que destaca o H2050, o primeiro proxecto europeo de innovación sanitaria dotado con fondos europeos para súa financiación”.

Para Eloína Núñez, este recoñecemento é extensible a todo o equipo de profesionais que desde Ourense creron e participaron neste proxecto, “porque a sanidade ourensá ten profesionais, ideas e capacidade que aportar”. Nesta liña, a xerente destaca que “a crise non está reñida coas ideas, de feito, estes tempos de dificultade débennos facer procurar solucións ás necesidades dos nosos pacientes. Mostra diso, é precisamente a denominación Hospital 2050, data que reflicte o ano no que o resto de Europa, acadará o nivel de envellecemento que temos agora mesmo, xa, en Ourense. Con isto queremos converter en fortaleza o que nun primeiro momento podería ser visto como dificultade” dixo.

A entrega do premio terá lugar no transcurso das VII Xornadas Nacionais de SEDISA, que se están a celebrar en Santa Cruz de Tenerife e que abordan os temas de maior actualidade no eido da xestión sanitaria, nas que participan os responsables dos principais Servizos de Saúde Autonómicos e Hospitais.

Artigos relacionados

Back to top button