En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Elpidio Gómez e Jesús Rodríguez vencen no I Trail Trevinca

A proba, que incluía andaina e dúas distancias en carreira, desenvolvíase por espectaculares paisaxes e con nevadas nalgúns puntos

Unha hora e 43 minutos. Con este tempo concluía os 21,3 km de percorrido o vencedor do I Trail longo Trevinca (A Veiga)-Campionato galego de Trail nun frío e chuvioso mediodía do 3 de abril. Era o atleta veterano Elpidio Gómez (Adas Proinor). Pouco despois, chegaba á meta, situada na praza da Feira da Veiga, o seu compañeiro de club, o barquense Iván Fernández (tamén veterano). Ademais o tamén atleta do Adas Hugo Sánchez, que quedaba quinto na clasificación xeral, lograba o título de campión galego senior.

No caso do Trail Curto (cun circuíto de 15,3 km) a vitoria era para outro barquense, Jesús Rodríguez León (Club Fluvial Barco), cun tempo de 1 hora 16 minutos. O segundo en cruzar a meta nesta modalidade era Marco Marco Rodrigues Pinto, do mesmo club. A terceira posición correspondíalle ao veigués Damián Anta Fernández (Club Adas Proinor).

A chegada dos corredores do trail (que saían da mesma praza da Feira ás once da mañá), ía alternándose coa dos participantes da andaina, que comezaban o seu traxecto tamén dende ese punto, ás dez da mañá. A cita concluía coa entrega de premios ao redor das 13:30h.

O Concello da Veiga, promotor da proba xunto coa Delegación Valdeorras da Federación Galega de Atletismo (FGA), entregáballe a todos os inscritos na proba (uns 150 de diferentes puntos de Galicia) un vale por importe de 4 euros para consumir nos establecementos de hostalaría do municipio durante toda a xornada. Esta cita deportiva tiña unha positiva repercusión no sector hostaleiro veigués. Para poder levar adiante esta proba a organización contaba co apoio de Protección Civil da Veiga, da Garda Civil e de Ambulancias Sil.

Fotos: Ángeles Rodríguez/ Carlos G. Hervella

 

Máis información e fotos:

https://osil.info/o-trail-e-andaina-trevinca-veiga-en-imaxes/
https://osil.info/trail-trevinca-veiga-por-unha-paisaxe-de-auga-granito-montana-e-bosques/

Artigos relacionados

Back to top button