CulturaCulturaFestas do Cristo O BarcoGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Emilio Rúa e Xestreu pechan as festas do Cristo no Barco

A actuación tiña lugar na noite do 15 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco

A canción de autor e a música tradicional e popular galega, pero tamén doutras partes do mundo, fusionábanse no escenario do Teatro Lauro Olmo do Barco durante a actuación de Emilio Rúa e as pandereteiras ourensás Xestreu. Con ela pechábase o programa das Festas do Cristo 2015 na noite do 15 de setembro.

Era un espectáculo que ía menos a máis, tanto nos intérpretes como nos estilos e ritmos. Abríase co tema “Destino Sur”, que dá nome ao último disco de Emilio Rúa. Interpretábao coa súa guitarra e harmónica e acompañado polo acordeón de Sabela Dacal, membro de Xestreu. Seguían outras pezas destes mesmo traballo como “En terra de lobos” ou “Miña Maruxa” (concebida como unha homenaxe especial a Andrés Dobarro), pero tamén outras como”Feitizo”, tomando como base un poema de Xosé Carlos Caneiro.

A partir de aí saían ao escenario o resto de compoñentes de Xestreu para interpretar cancións como “Adio” (de orixe sefardí) ou unha versión dun tema recollido por Emilio Rúa na zona ourensá de Riós, de onde é orixinario. Logo Rúa deixaba soas ás Xestreu que despregaban un repertorio de temas de tradicións tan diferentes como a mexicana, a árabe ou a húngara. E xa como broche, o cantautor pisaba de novo o escenario para tocar coas pandereteiras “A saia da Carolina” nunha singular versión incluída tamén no seu disco “Destino Sur”. Houbo tamén bises e así a actuación remataba con “O Verdegaio” a petición do público.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button