CulturaMúsicaÚltima hora

Emilio Rúa, no I Ciclo da Canción Popular de Seixalbo

Organizado pola asociación As Canellas, o programa previsto para o 8 e 9 de novembro inclúe música e conferencias
O cantautor ourensán, Emilio Rúa. /Foto: Carlos G. Hervella.
O cantautor ourensán, Emilio Rúa. /Foto: Carlos G. Hervella.

A vindeira fin de semana, 8 e 9 de novembro, celebrarase o Iº Ciclo da Canción Popular de Seixalbo, organizado pola Asociación Cultural Xuvenil As Canellas coa colaboracion da concellaría de Cultura do Concello de Ourense e da Escola de Danza da Deputación de Ourense.

Trátanse de dúas xornadas culturais nas que a música estará presente, e que arrancarán o sábado día 8 ás 16:30h. coa inauguración que dará paso á charla e coloquio sobre “o papel do percusionista e o manexo de instrumentos de percusión na música popular actual” a cargo do músico e especialista, Marcos P. Saburido. Ás 18h. haberá un obradoiro de xogos populares na pista da Infesta (en caso de chuvia, realizaranse no local central), e media hora máis tarde comezará a segunda conferencia con posterior coloquio, sobre “o arranxo musical con instrumentos de corda (guitarra, mandolina, mandola, banjo, dobro…) na creación da música popular actual e a mestizaxe con outras culturas” a cargo do músico e especialista, Jose Gayoso.

A xornada completarase cunha mesa redonda con participantes no certame de novos creadores deste I Ciclo da Canción Popular sobre a nova visión da música popular no século XXI.

Ao día seguinte, domingo 9 de novembro o programa comezará xa pola mañá (11h.) cunha demostración práctica, na pista da Infesta, de varios xogos populares a cargo dun monitor especializado, coa posibilidade de participación dos asistentes. En torno ás 13h. tocaralle o turno ao músico e compositor Emilio Rúa que impartirá unha charla sobre “o oficio dos creadores de cancións populares na época actual”.

Xa pola tarde, en torno ás 19:15h. presentarase en formato acústico dos participantes no certame de novos creadores no local de Penouzos, dando paso ao concerto acústico de Emilio Rúa e a súa banda, onde presentará o seu 5º traballo discográfico e fará un repaso pola súa discografía e versións persoais de cancións populares.

As conferencias celebraranse no local central da asociación. A clausura do ciclo terá lugar ás oito e media da tarde cun magosto popular.

Artigos relacionados

Back to top button