EntrevistasÚltima hora

Emma López: “Quero quedar o maior tempo posible en ‘Recantos’ para poder aprender moito da experiencia”

Esta xove cantante, natural do Barco de Valdeorras, representa a Ourense oriental no concurso musical da TVG e volverá actuar o 15 de xaneiro de 2021

A intérprete barquense Emma López.

 

Natural do Barco de Valdeorras, Emma López Rodríguez (tamén coñecida como Cayleem) ten 22 anos e estudou Marketing, Publicidade e Xestión de Ventas. Gústalle o deporte, tamén ler, escribir e o cine, pero sobre todo encántalle cantar, comezando nos festivais do colexio e estudando piano na Escola de Música do Barco, ata que se decidía a presentarse ao concurso musical da Televisión de Galicia “Recantos” do Luar, no que representa a Ourense oriental (comarcas de Terras de Trives, Valdeorras e Viana).

Emma asegura que o seu é cantar, non compoñer, e entre as súas referencias musicais están artistas como Adele, Sia, Rihanna e mesmo Amy Winehouse ou Nina Simone, entre outras.

A súa estrea en televisión tiña lugar no programa de “Recantos” emitido en directo o 23 de outubro e coa súa espectacular interpretación de Congratulations, que conquistou ao xurado e sobre todo ao público, lograba ascender ata o segundo posto da clasificación con 32 puntos, logrando o pase directo á segunda fase.

Cando te diches conta de que che gustaba e aínda por riba dábaseche ben cantar?

Sempre me gustou cantar, xa de pequeniña. Pero quizais foi ao participar en festivais, xa no instituto, cando me din conta de que se me daba mellor do que pensaba porque gustáballe á xente e atopábame cómoda. Gustábame o que facía…

Que é para ti a música? Que sentes cando cantas? Con que estilo te identificas máis?

É algo co que me sinto moi cómoda e que me serve para canalizar os sentimentos. Consigo concentrarme completamente na canción e métome de tal forma na situación que me esquezo totalmente de todo o demais. O que máis adoito cantar son temas de pop, soul, pop-rock, R&B…

 

Actuación de Emma en Luar.

 

Presentácheste ao casting de La Voz como Cayleem, como foi a experiencia?

Levo varios anos presentándome e nunca cheguei á final do casting en Madrid pero si teño quedado bastante ben e iso é tamén unha experiencia que che axuda para enfrontarte á situación, ao público… O de Cayleem xa me vén de hai anos pero aí utilízoo como nome artístico.

E como xurdiu o de Luar? Que che impulsou a presentarte?

Xa me tiñan comentado que o programa estaba ben e que sería unha boa experiencia aínda que as cancións que se interpretan en “Recantos” non son do estilo co que eu me identifico pero pensei que me podía servir para ver do que son capaz, saír da miña zona de confort e sobre todo aprender doutros estilos. A min chamáronme para que enviase uns vídeos e aos poucos días avisáronme de que era a representante oficial de Ourense oriental. Estou moi contenta porque hai xente que leva tempo e a min, propoñermo por primeira vez e xa acceder faime ilusión, a verdade.

Levas unha actuación e xa vas de segunda na primeira fase con 32 puntos, de feito tiveche moito apoio do público. Foi como esperabas ou superou as túas expectativas, tanto a nivel de actuación como de puntuación?

Ao non coñecer o mundo da televisión poste moi nervisa, consciente de que podía pasar calquera cousa pero tanto na actuación, cun estilo musical que nunca tratara, como por parte do público porque non sabes como responderá e os compañeiros tamén poden ter moito apoio e eles xa eran máis coñecidos nese mundo, superáronse as miñas expectativas. De feito, viuse a miña cara de sorpresa.

 

Outro momento da actuación de Emma López na TVG.

 

Aínda que non é do teu estilo, sentícheste cómoda cantando Congratulations? Que tal co xurado?

Pois a verdade é que si. É certo que seguramente outras cancións do repertorio afástanse máis do que é o meu estilo, esta dentro do que cabe é máis afín ao que eu estou acostumada. Co xurado ben. Impón porque sempre te pos nerviosa, e por riba cando sabes que vas a ser xulgada dalgún xeito, poste máis tensa, pero ben.

O pasado venres 13 de novembro rematou a primeira fase, cando será a túa próxima actuación?

Deixaron o programa os catro últimos, con menos puntos, e este venres 20 de novembro xa comeza a segunda fase con dúas novas actuacións. A miña será o venres 15 de xaneiro de 2021.

E que esperas do concurso?

Principalmente aprender moito, tanto dos meus compañeiros como do programa en si, sacar todo o positivo para poder aplicalo máis adiante noutras situacións. Se dixera que non quero ganar mentiría porque ao final todos queremos iso e por suposto que me faría ilusión pero non é o principal motivo. Quero quedarme o maior tempo posible para poder aprender moito da experiencia.

Ata onde queres chegar no mundo da música?

Gustaríame poder adicarme á música e vivir dela como sexa. É o que quero porque é o que me gusta.

 

Emma estudou piano no Conservatorio do Barco.

 

Artigos relacionados

Back to top button