ConcellosCulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Emotiva e agarimosa lembranza a Carlos Casares de Viana, vila onde se estreaba como docente

O Concello vianés organizaba un acto de desagravio á figura deste escritor, que era cesado como profesor do instituto por mor das autoridades locais no curso 1969/70

Corenta e sete anos despois de que Carlos Casares fose cesado como profesor no daquela “Colexio Libre Adoptado Santo Tomás de Aquino” de Viana do Bolo, a vila vianesa rendíalle unha sentida e agarimosa homenaxe. No salón de actos do Concello celebrábase na mañá do 18 de maio un acto de desagravio a este escritor “polos feitos acontecidos no ano 1970”. Comezaba coa intervención da concelleira de Cultura, Graciela Diéguez, que daba paso ao investigador vianés Carlos X. Ares, quen comezaba lendo a adicatoria que Casares facía na súa tradución ao galego de “O principiño”. Despois describía a chegada de Casares á vila, así como o seu día a día, as súas clases, a relación co alumnado e coa xente da vila… e os sucesos que motivaron a súa inesperada e inxusta marcha debido á intervención da autoridade municipal. Concluía facendo referencia á adicatoria persoal que lle facía no libro de “Vento ferido” e amosándolle o agradecemento da vila: “grazas profesor Casares, esta vila non te esquece e queda leda por este desagravio tan xusto como merecido”.

De seguido, principiaba unha sesión plenaria extraordinaria cuxo único punto na orde do día era someter á aprobación da Corporación unha proposta da alcaldía de “desagravio a Carlos Casares”. O alcalde, Secundino Fernández, tomaba a palabra para dar lectura a proposta, na que se refería este autor como “un recoñecido escritor cunha extensa obra literaria”, que “utilizou e  axudou a dignificar a nosa lingua, o galego”, ademais de ser “un grande persoeiro das nosas letras ao que neste ano se lle dedican as Letras Galegas”.

Tamén recordaba a vinculación de Carlos Casares con Viana, a súa estadía e o seu labor no instituto que, “foi comprometido dende o primeiro día coa ensinanza e coas inxustizas que sufrían os máis desfavorecidos. A equipa directiva tentaba estender a educación á maioría das familias vianesas; en contra da opinión do alcalde do concello. Hai que lembrar que daquela o instituto dependía do Concello de Viana do Bolo”. Relataba asemade os feitos que remataron coa súa expulsión como profesor e coa súa marcha da vila.

Narraba como en febreiro de 2004, no 35 aniversario da actividade docente de Casares neste municipio, o claustro e o consello escolar do IES acordaban por unanimidade poñerlle o seu nome ao centro. E como agora “é de xustiza facer un acto de desagravio a súa figura e rexeitar publicamente a inxustiza á que foi sometido no noso pobo, tendo en conta que o pobo de Viana non compartía semellante inxustiza”.

Despois a Corporación vianesa votaba a proposta da alcaldía que resultaba aprobada por unanimidade. A continuación, interviña o presidente da Fundación Carlos Casares, tamén irmán o escritor, Xavier Casares quen consideraba “unha honra este acto” e amosaba a súa emoción por “recibir o agarimo do pobo de Viana. Se Carlos estivese aquí sentiríase moi contento e daría as grazas. Eu vouno facer lendo un texto que atopamos recentemente titulado Viana na lembranza“.

E como broche do acto, no que participaban veciños da vila e tamén alumnos e profesores do IES Carlos Casares, soaba o himno galego, interpretado polo Orfeón Vianés. Finalmente, servíanse uns pinchos aos asistentes.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button