CulturaCulturaEducaciónEn portadaÚltima horaVídeos

Emotiva estrea de “Pegadas”, un documental que recolle as vivencias de 70 vianesas

Tiña lugar na tarde deste sábado na Casa da Cultura de Viana coa asistencia dun cento de persoas

 

Unha pegada é algo que “queda ou que alguén deixa como testemuño despois dun acontecemento ou dunha acción”, segundo recolle o dicionario. E nesas pegadas de épocas pasadas deixadas polas mulleres vianesas pon o foco o documental, promovido pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade de  Viana do Bolo e polo Centro de Información á Muller, que se presentaba nun emotivo e concorrido acto (cun cento de asistentes) na tarde deste sábado na Casa da Cultura de Viana do Bolo. A ocasión era tan especial que non faltaba unha alfombra vermella e un photocall.

“Pegadas” constitúe “un relato de relatos, de recordos de acontementos” de tempos pretéritos. Nel recóllense as vivencias dunhas 70 mulleres (a maior parte delas de 70 anos e algunhas incluso nonaxenarias) de boa parte das aldeas do municipio de Viana que falan de como era antano a vida, dos traballos, das tradicións, das festas, da natureza, de sentimentos…

 

 

“Estou encantada, chegou o día da estrea deste documental que con tanta ilusión fixemos entre todas”, dicía a concelleira de Cultura de Viana do Bolo, Ramona García, que deseguido presentaba ao equipo que fixo posible este traballo: Andrés Ortiz, Isabel González, Sara Feijóo, Nuria Paz (que non puido asistir ao acto, pero cuxa voz en off ) e a propia Ramona García. Despois compartían co público o que significou para cada un deles participar neste proxecto “e a pegada que nos deixou”.

 

 

Despois proxectábase este filme de máis dunha hora de duración, que emocionaba. Tras velo, moitas persoas expresaban o seu agradecemento pola iniciativa con palabras, bágoas nos e apertas.

Dende o Concello de Viana valorábase de maneira moi positiva esta experiencia e a acollida do traballo. “Foi un éxito, estamos moi contentos e a xente tamén”, dicía a concelleira de Cultura, Ramona García. A intención do Concello é subir este documental ás redes sociais para a súa difusión.

Coa estrea de “Pegadas”, iniciativa que conta co financiacimento dos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, vén de encetarse a programación de Nadal de Viana, que continuará con diversas e variadas actividades nas vindeiras semanas.

Fotos e imaxes cedidas.

 

Membros do equipo de “Pegadas”, na estrea.

Artigos relacionados

Back to top button