CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Emotiva homenaxe a “Pestana” na apertura da XXV Semana de Cine do Barco

Arranca este encontro co cine non comercial que se prolongará ata o 31 de agosto no Teatro Lauro Olmo

“Pódese xuntar un produtor, un director, moitos intérpretes. Poden falar, facer un guión, rodar unha película, positivala, entala, que a película chegue ao cine e o último paso entre vos e ver esa película era ese dedo máxico do operador que nun principio lle daba a unha palanca, despois a un botón e ultimante a un play. Esa é a evolución do cine dende que os irmáns Lumiére botaron a andar con este invento”. Con estas palabras, José María Rodríguez, presidente do Cine Club Groucho Marx, iniciaba a homenaxe póstuma que na apertura da XXV Semana de Cine do Barco se lle rendía a José Luis Alonso, “Pestana”, operador durante moitos anos dos diversos cines do Barco e tamén na Casa da Cultura.

Nese acto de lembranza, que tiña como escenario o Teatro Lauro, tamén se lle dedicaba unha placa na súa memoria nunha das butacas deste auditorio e entregábaselle á súa familia o cartaz enmarcado da edición deste ano, que recolle unha imaxe de Alonso. De seguido, José María Rodríguez agradecía o apoio dos comercios e do Concello do Barco que fan posible que perviva a Semana de Cine e daba paso á proxección de catro curtametraxes: “Anacos”, “Minutos contados”, “Sueños de cristal” e “Lembranzas do renacer”.

A partir aí, e ata o 31 de agosto, proxectáranse unha serie de títulos no Teatro Lauro Olmo do Barco que, a diferenza doutras edicións, non estarán estruturados por ciclos, agás no caso do cine infantil. O resto será unha escolma de películas de actualidade.

Tamén se incluirán sesións especiais ao redor do 25 aniversario de “Sempre Xonxa”, “que celebraremos con retraso”, e un concerto de piano (o 29 de agosto ás 20:30h.), a cargo de Severiano Casalderrey, con música de bandas sonoras de películas.

Ademais a entrada do Teatro Lauro Olmo acolle unha mostra de cartaces da Semana de Cine, así como de imaxes de diversos filmes. Esta edición tamén terá un carácter solidario, xa que no apartado de cine infantil parte da recaudación faráse en alimentos que se entragarán ao banco de alimentos de Cáritas do Barco.

Fotos: Ángeles Rodríguez
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button