En portadaÚltima horaVídeos

Emotivo e especial recoñecemento aos ‘Almendros’, un referente na elaboración e comercialización da Bica de Trives

Os fillos de Paco e Pura recibían unha placa de parte do Concello, no marco da celebración da Festa da Bica 2022

 

Nesta fin de semana A Pobra de Trives está a celebrar unha das festas máis destacada e senlleira na que se exalta o seu emblema gastronómico e tradicional, a Bica de Trives. E neste 2022, despois de pasar dous anos duros por mor da pandemia, esa celebración está sendo máis especial que nunca xa que por primeira vez o fai como festa de interese turístico de Galicia e tamén porque está a ser unha edición de agradecemento e homenaxe, un recoñecemento que o ano pasado non puderon levar a cabo por culpa da pandemia e que onte puxo os pelos de punta aos asistentes.

 

Amosando a placa.

 

Despois do espectacular concerto co que Guadi Galego engaiolaba unha vez máis ao público, subían ao escenario tres persoas moi queridas na vila: Miguel Ángel, Carlos e Francisco “Farruco”, para recibir de parte da propia alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez Barja, unha placa en recoñecemento ao labor que os seus pais, Francisco García e Purificación Sánchez, Paco e Pura, coñecidos como os ‘Almendros’ fixeron a prol da Bica de Trives. “Unha placa de recordo que sei que van a levar para sempre no seu corazón”, asegurou a rexedora, acompañada pola concelleira de Cultura, Cristina Paz, adicándolle o Ave María de Schubert que o gaiteiro Víctor Bouzas tocaba en directo “para eles vai”, dixo emocionada e mirando ao ceo.

O de onte foi un día de emocións contradictorias para a familia dos ‘Almendros’, alcume que lle vén do nome da panadería que Paco e Pura rexentaron durante anos en Trives. “Por unha banda, aínda sentimos a dor pola perda dos nosos pais pero tamén é un día no que nos sentimos moi orgullosos deste recoñecemento público á traxectoria profesional e vital de ámbolos dous e, especialmente sentímonos moi reconfortados polas mostras de agarimo que estamos a recibir de todos vos”, dicía o irmán maior, Miguel, visiblemente emocionado ante o apoio, o calor e o cariño que están a recibir dos veciños de Trives, especialmente tralos duros momentos vividos hai uns meses co falecemento da nai (o pai faleceu hai dous anos).

 

Un momento da intervención de Miguel.

 

Nas súas palabras de agradecemento en nome propio e dos seus irmáns, Miguel asegurou que a homenaxe recibida pola súa familia é dalgún xeito tamén compartida con todas aquelas persoas que co seu traballo e compromiso puxeron en valor este doce e dérono a coñecer lonxe da comarca. “Co seu esforzo, loita e alto compromiso comunitario fixeron posible un mundo con máis oportunidades para todos nós”, dixo.

Paco e Pura iniciaron a actividade de fabricación e comercialización da bica a finais dos anos 60 e tal como explicou Miguel, dende entón mantiveron a fórmula tradicional e artesanal que eles recibiron a través de varias xeracións de triveses e trivesas e que malia o paso do tempo aínda se mantén hoxe en día. “Todo ese esforzo que realizaron con gran paixón e constancia ao longo de tantos anos ben pagou a pena se con iso puideron contribuír co seu pequeno gran de area, xunto co resto de panadeiros e pasteleiros a que a bica sexa un aceno de identidade das Terras de Trives e a levar o seu nome por todo o mundo”.

 

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez e a concelleira de Cultura, Cristina Paz.

 

Unha identidade cuxo segredo, máis alá de fórmulas culinarias ou calidade dos ingredientes, que tamén, ten o seu segredo no esforzo, paixón e agarimo co que se elabora. “Dende hai moitas xeracións, en todas as casas cando chegaban as datas sinaladas (Nadal, Semana Santa, a festa do pobo,…), sempre había unha avoa que o día anterior, respectando a fórmula orixinal e seguindo o ritual, preparaba coas súas mans e toda a súa paixón e agarimo, ese doce que garantía grandes tardes de sobremesa acompañado de licor café e herbas”, explicou aos presentes Miguel. Unha tradición e paixón que se foi transmitindo de xeración en xeración e fixo que a bica forme parte do ADN de todos os veciños desta fermosa terra.

Miguel, Carlos e Farruco, igual que antes Paco e Pura, teñen esa paixón a flor de pel, como tamén a sensibilidade e humildade coa que recibían e agradecían o recoñecemento público “que nunca esqueceremos e que nos fai sentirnos orgullosos de pertencer a esta fermosa comarca”, concluían entre sonoros aplausos.

Malia e emoción reinante tralo acto, a Festa da Bica continuaba e a propia alcaldesa convidaba a veciños e visitantes ás actividades de hoxe: andaina dende o Concello e romaría en Cabeza Grande co certame de bandas de gaitas e degustación de Bica de Trives.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button