ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeosVilamartín

Emotivo reencontro das fillas de Florencio con Córgomo e coa súa familia galega

"Estamos moi emocionadas e felices deste marabilloso recoñecemento ao noso pai", en declaracións ao Periódico O SIL

Publicidade

 

Nesta fin de semana chegaban a Valdeorras tres das fillas do poeta Florencio Delgado Gurriarán (Celia, Carmiña e Maruxa) e un dos seus netos, Roberto, coa súa dona Sara, para participar nos actos da celebración das Letras Galegas, adicado ao seu pai.

Esta mañá de domingo mantiñan un emotivo percorrido por lugares moi especiais para o seu pai como a casa na que naceu en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) e aquela na que viviu. “Estou feliz, orgullosa e moi emocionada de poder estar aquí hoxe, de poder visitar a Casa da Cruz, que está rehabilitándose co escudo da familia, que sempre foi un orgullo para nós”, comentaba en declaracións ao Periódico O SIL Celia Delgado Teijeiro “Cheli”, a maior das fillas do poeta.

 

 

“O máis emocionante para min”, engadía, “é pensar que aquí en Córgomo, neste lugar amadísimo polo meu pai, estean facendo este marabilloso recoñecemento, porque ao longo da súa vida de exilio en México, que foi onde nacimos todos nós, realmente a súa maior añoranza era a aldea, Córgomo, as paisaxes, as xentes, o idioma, a natureza… E el sufriu moito polo exilio nese senso. Entón creo que todo isto é un recoñecemento marabilloso da xente de Galicia ao meu pai e a súa obra dedicada a Galicia e a México, por suposto, país de acollida marabilloso”.

 

 

Carmiña, a filla menor dos cinco irmáns, aseguraba que comparte “coas miñas irmás a emoción e esa sensación de agradecemento, de cariño, de amor que estamos vivindo. É para min  ver a súa casa e como a están recuperando, ver Córgomo tan bonito, tanto entusiasmo, o recoñecemento ao noso queridísimo pais que sempre amou a Galicia, sempre, sempre falaba de Galicia e agora, poder estar aquí é moi emocionante”, dicía entre bágoas.

 

 

De maneira moi semellante, e tamén con gran agradecemento, se manifestaba a súa irmá Maruxa. “É unha marabilla este recibimento tan cálido de todos os galegos, estou moi emocionada e encantadísima e grandes apertas a todos”.

Ademais, o neto do poeta, confesaba que, “aínda que foi moi velliño, ogallá o meu avó puidese estar aquí e desfrutar con todos nós”.

 

 

Logo de visitar Córgomo, do que destacaban coidado e fermoso que estaba, reencontrábanse coa súa familia galega, que lles daba un recibimiento moi especial e coa que compartían un animado xantar na adega D’Berna.

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

O animado ambiente deste concorrido xantar familiar pode comprobarse neste vídeo, cedido pola familia de Florencio Delgado, dende estas liñas o noso agradecemento pola súa colaboración co Periódico O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button