DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Empate no clásico de pretempada CD Barco-SD Ponferradina

Co empate a 2 goles remataba o terceiro amigable desta tempada para o conxunto barquense

Xa é case unha tradición que os veciños da SD Ponferradina se acheguen ata O Barco de Valdeorras para disputar un partido amigable durante a pretempada. De feito, tampouco este ano faltaron á cita en Calabagueiros e na tarde do 7 de agosto, en horario de Champions, os dous conxuntos saltaban ao terreo de xogo, acompañados pola afección que tampouco hoxe deixaba só ao equipo.

O conxunto berciano, que milita en segunda división, adiantábase no marcador no minuto 21 chegando ao descanso co 0-1. Mais tralo paso polo vestiario, os rapaces de Manolo Pérez saían máis motivados e Íñigo Pisón marcaba o gol do empate. Os de Ponferrada volvían adiantarse poñendo o 1-2, e de novo era Íñigo quen traspasaba a potería visitante, logrando o empate a 2 co que chegaría o final do encontro.

Con este resultado, os vermellos suman o primeiro punto da tempada, tralas derrotas 3-0 co Bembibre e o 1-0 co La Bañeza. O seguinte nivel de control para o Barco será este sábado, 10 de agosto, de novo en Calabagueiros contra Virgen del Camino.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button