EconomíaEconomía

A empresa eólica GRI desminte que vaia marchar do Carballiño

Os representantes da empresa comunicaron a nova ao Concello tras filtrarse o rumor de que abandonarían o parque empresarial carballinés
Os 350 traballadores non verán afectados os seus postos de traballo.

“A empresa de fabricación de torres eólicas GRI, ubicada no parque empresarial do Carballiño, continuará desenvolvendo a súa actividade con total normalidade, sen que estea previsto a súa venda”. Así o manifestaron hoxe, 3 de maio, o xerente da fábrica, Cándido González, e o director de recursos humanos, José Antonio Álvarez, durante unha xuntanza mantida no Concello co alcalde, Francisco Fumega, e o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira. O obxectivo de devandita reunión era para desmentir a noticia da venda da sección eólica de Gestamp a unha compañía multinacional, “según se publicou por diversos medios de comunicación recentemente”, aseguran fontes consistoriais.

Os responsables de GRI informaron ao alcalde e ao concelleiro que esta noticia debeuse “a unha mala interpretación doutra noticia sobre a venda de parte dos parques eólicos da compañía”. E reiteraron que que non afecta en absoluto ás plantas de fabricación dos aeroxeradores, como é o caso da Carballiño. Polo tanto, confirmaron a continuidade da planta e a permanencia dos 350 traballadores que ten actualmente.

A noticia á que se referían é a publicada nun xornal económico no que escribían o seguinte: “La familia Riberas, principal accionista de Gestamp Automoción (GEST.MC), está negociando la venta de su negocio eólico por mercados o paquetes de activos y para ello ha contratado a Bank of America, en una operación que podría alcanzar un importe máximo de 2.000 millones de euros incluyendo deuda”. Nembargantes, obviaron que se refería aos parques eólicos e non ás plantas de produción.

A finais do pasado ano, a filial eólica contaba con cerca de 1.000 megavatios instalados ou en construción. Tanto Francisco Fumega como Adolfo Nogueira agradeceron a información facilitada polos responsables de GRI e amosaron a súa satisfacción por comprobar de primeira man a continuidade da planta, que supón unha das fontes de emprego máis importantes para O Carballiño e a comarca.

Artigos relacionados

Back to top button