EconomíaEconomía

Empresarios valdeorreses reúnense co Igape

A xuntanza de traballo celebrada no Barco, xirou en torno á internacionalización

Co obxectivo de seguir avanzando na difusión da cultura da internancionalización entre pymes, para procurar que as exportacións galegas continúen crecendo nos próximos anos, o Igape achegaba ata O Barco de Valdeorras o “II Ciclo de reunións empresariais percorrendo a xeografía galega”.

Organizado en colaboración coa Asociación de Empresarios de Valdeorras AEVA, a reunión de traballo celebrábase na mañá do 8 de outubro na Casa Grande de Viloira, sendo o director de internancionalización do Igape, Abel Veiga, o encargado de abrir o turno de intervencións.

Veiga asegurou que “debémonos á pequena e mediana empresa” e que a Consellería de Economía e Industria “facilitará os servizos e os apoios máis axeitados a cada fase de internacionalización das empresas galegas a través dunha xanela única localizada no Igape que promoverá, ademais, a cooperación entre empresas e entidades como mellor fórmula para consolidar avances na proxección exterior do tecido produtivo”.

Para acadar estes obxectivos, resulta fundamental optimizar a coordinación dos esforzos con entidades como as confederacións e asociacións empresariais ou as cámaras de comercio, así como potenciar a cooperación entre empresas conformando consorcios de exportacións ou colaborando en proxectos agrupados como os apoiados a través do Igape.

Compartindo mesa co representante da Xunta, estiveron empresarios de Valdeorras do sector do viño como José Barros, xerente da adega Virxe de Galir e Rogelio Moral de Bodega Roandi, S.L. que falaron sa súa experiencia, así como Araceli Fernández de S.A.T. Godeval. Tamén asistiron a reunión a xerente de Acoval, Mª Carmen Rodríguez, representantes do sector financieiro (Banco Sabadell) e membros do Círculo de Empresarios de Galicia, entre outros.

Á reunión en Valdeorras, seguirán novas xornadas que se celebrarán en Carballo (15 de outubro), Boiro (22 de outubro), Foz (4 de novembro), Vilagarcía de Arousa (7 de novembro) e Ferrol (12 de novembro).

Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil.
Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button