OurenseÚltima hora

En Defensa do Ensino Público estuda a convocatoria dunha folga xeral para outono

A plataforma anuncia en Ourense a súa intención de seguir coas protestas contra a Lomce e as reválidas en 4º da ESO e 2º de Bacharelato
Paula Carreiro, de UGT, e Borja Campo, de CC OO. // Foto: S.F.
Paula Carreiro, de UGT, e Borja Campo, de CC OO. // Foto: S.F.

A Plataforma En Defensa do Ensino Público anunciou esta mañá en Ourense a súa intención de continuar coas protestas contra a aplicación da Lomce, que este ano implanta a proba da reválida en 4º da ESO e en 2º de Bacharelato. Para iso, xa avanzou que estudan convocar unha folga xeral no ensino para o vindeiro outono, acompañada das primeiras mobilizacións a partires da segunda quincena de outubro e a primeira de novembro.

“É unha aberración”, definiu Borja Campo, responsable comarcal do sindicato CC OO. “Significa un filtro máis deste goberno de establecer unha ensinanza elitista”, engadiu, para denunciar a “nocturnidade e alevosía” coa que, segundo di, actuou o goberno estatal á hora de aprobar o chamado decreto da reválida.

Campo estivo acomañado de Paula Carreiro, como responsable de Ensino de UGT e ambos denunciaron a falta de información sobre o novo calendario. “Houbo rapaces que se matricularon en xullo sen saber aínda como sería a proba de acceso á universidade”, indicaron. Así, avanzan que seguirán mobilizándose en contra dunha lexislación que sacou “un goberno en funcións de xeito unilateral”.

De igual xeito, criticaron a reválida, o novo tipo de proba que se implanta este curso escolar e que, nalgúns cursos, vén a substituir a selectividade. “Os rapaces pasarán probas que implican dous cursos académicos e o profesorado non sabe nin que contidos entran, nin cando se paralizan as clases e as universidades tampouco teñen instruccións”, dixo Carreiro. “Son probas longas e tediosas que non van garantir o acceso á universidade”, engadiron.

Entenden tamén a dificultade actual de derogar esta lexislación pero manteñen as mobilizacións para concienciar sobre a necesidade de “facer unha lei edcuativa nova”.

Artigos relacionados

Back to top button