En portadaÚltima hora

“En Galicia non haberá restricións en aforos nin na hostalaría os días 24 e 25 de decembro”

Anunciábao o presidente da Xunta de Galicia esta tarde, se ben aconséllanse como máximo reunións de dúas unidades familiares no Nadal

 

A variante ómicron “coincide cos quince días de maior interacción social do ano”. Destacábao o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, ao iniciar a rolda de prensa para dar conta dos asuntos abordados da Conferencia de Presidentes que se celebraba esta tarde.

Ademais o presidente resaltaba que “na situación na que estamos en Galicia non imos prohibir aforos nin vai haber restricións para o día 24 de decembro nin para o día 25, pero si recomendacións”. A primeira delas, na que insistía, é que “no caso de interiores, imos ser claros nas indicacións sobre reunións familiares: cantas menos persoas se reúnan a xantar ou a cear, mellor, se pode ser unha unidade familiar ou dúas, mellor. A partir de dúas o risco aumenta exponencialmente. Isto é unha recomendación, non o imos prohibir”. Deste xeito, “non imos adoptar ningunha medida adicional, nin na hostalaría porque a situación así o permite”.

No decurso da Conferencia de Presidentes, o titular do goberno galego plantexaba unha serie de cuestións. “A primeira delas: a vacinación. Imos seguir incrementando o ritmo para que a maioría da poboación teña a terceira dose e que se poida vacinar o antes posible aos nenos.  Galicia está a liderar a vacinación en España”, aseguraba Fejóo, indicando así mesmo que “propuxemos adiantar aos tres meses a vacinación da terceira dose en todos os grupos etarios. Pensamos que debemos facelo, aválannos os expertos, os datos,as actuacións doutros países que o están facendo e as autoridades europeas”.

 

 

Unha das propostas expostas era a de “que se garanta o uso da máscara nas zonas urbanas no exterior nas próximas semanas ata finalizar as festas, deixando as zonas non urbanas como proposta de excepción desta decisión”.

Outras propostas de medidas que o presidente da Xunta trasladaba ao goberno central eran unha Lei orgánica de pandemias, tendo en conta “que levamos dous anos sen lexislación”; e a necesidade de “máis persoal, este é un problema estrutural, non temos médicos suficientes. Non só para contar con profesionais xubilados senón sobre todo para incorporar aos graduados en Medicina que non teñen formación especializada”. Tamén comentou que as comunidades “necesitan desde hai anos a aprobación da especialidade de Urxencias e un MIR extraordinario para Medicina de Familia”. Referíase ademais á necesidade de aprobar un fondo Covid e de que se faga nestas datas corentena dos contactos positivos, salvo para os que teñan tres doses, alertando do risco de non facelo.

Artigos relacionados

Back to top button