ConcellosÚltima hora

En marcha “O laboratorio mutante para a ecoloxía dos saberes”, con encontros no Courel e Manzaneda

Trátase dun proxecto para "imaxinar e construír novas formas estar na terra", promovido por Outonía S.Coop e pola ilustradora valdeorresa Eva Piay

 

Ten como eixo transversal a loita contra o cambio climático e vai dirixido á mocidade, e máis en concreto a persoas de entre 18 e 35 anos. “O laboratorio Mutante para a ecoloxía dos saberes” é un proxecto promovido pola cooperativa Outonía S.Coop e a ilustradora Eva Piay, natural de Rubiá. Está financiado pola ONG Axuda en Acción, a través do proxecto europeo #1planet4all.

Este proxecto, cunha duración de seis meses (de marzo a agosto do 2022), estrutúrase a través de tres tipos de accións diferenciadas – webinarios, encontros presenciais e campaña #sermutante en redes sociais- que combinan os medios analóxicos e virtuais.

Os webinarios serán un total de tres encontros, retransmitidos en vivo na plataforma ZOOM e subidos posteriormente á canle de Youtube do proxecto. Ditas xuntanzas, versarán sobre temáticas vinculadas á educación ecosocial, á produción e consumo sostibles e ás alternativas xeradas dende a cooperación para transitar a emerxencia climática. A través deles xeraranse conversas coa metodoloxía do focus group e o debate cooperativo. Nelas, tanto as participantes como asistentes, poderán compartir punto de vistas e pareceres diversos sobre as temáticas propostas.

Ademais, están previstos dous encontros presenciais en territorios de montaña, co eixo vertebrador da reinterpretación do abandono. “O Monte con Nome” no concello de Folgoso do Courel (o 28 de maio) e “Deconstruír o hábitat” en Manzaneda (o 11 de xuño). Serán “dúas xornadas vivenciais nas que se tratará de transitar o espazo a través dun ollar que permita mudar a cosmovisión do abandono no rural”, indica a organización.

 

 

Paralelamente, deu comezo unha campaña en redes -Instagram e Facebook- a través da cal se irán intercalando diferentes accións. A través das seccións “E ti como mutas?”, “Pílulas Mutantes” e “Recetario Mutante”, tratarán de combaterse mitos relacionados coa crise climática, presentar información veraz en torno a temáticas ambientais ou presentar diversas experiencias de traballo. Algunha desta creacións serán realizadas polo alumnado da Universidade de Santiago de Compostela, mediante unha experiencia de Aprendizaxe servizo -Aps- neste eido.

“O laboratorio Mutante para a ecoloxía dos saberes” é unha iniciativa “que tivo como punto de partida as Mutant´s: Xornadas de Innovación Rural, celebradas en outubro de 2019. Na actualidade, rexurden para continuar -como versa a súa banda sonora-; a fin de converterse nunha sorte de filosofía da que agromen periodicamente actividades para a promoción da sustentabilidade ambiental e a defensa dos territorios rurais”, explican os promotores da iniciativa.

Ademais está concebido como “un xeito de imaxinar, visibilizar e crear outros xeitos de ser e estar na terra, dende o coidado e o respecto por esta. É un fío a través do cal tecer redes para compartir e tamén, un medio de ensinanza-aprendizaxe, que promove modelos de vida máis sustentables dende a experiencia”.

Os promotores do proxecto animan á xente nova á converterse en #Sermutante e din que as novas desta iniciativa iranse anunciando a través das súas redes sociais:

– Facebook: @ruralmutante
https://www.facebook.com/ruralmutante

– Instagram: @mutantes_inrural
https://www.instagram.com/mutantes_inrural/

As persoas interesadas no proxecto tamén poden ampliar información no correo electrónico xornadas.inrural@gmail.com ou no teléfono 622834164.

Artigos relacionados

Back to top button