PolíticaÚltima hora

En Marea analiza en Trives a perda de servizos no rural

Os deputados Davide Rodríguez, Ánxeles Cuña e Luís Villares abordaban nun encontro aberto coa cidadanía o “castatrazo”, o transporte público ou o peche dos rexistros da propiedade

 

Ourense está “sendo discriminada sistematicamente, somos a provincia máis castigada, sobre todo se nos comparamos co Eixo Atlántico, pero dende aquí buscamos alternativas, podemos saír da brecha”. Era a mensaxe que lanzaban na tarde do 22 de abril en Trives os deputados autonómicos de En Marea Davide Rodríguez de Manzaneda, Ánxeles Cuña e Luís Villares.

Nun encontro aberto coa cidadanía, que se desenvolvía  no Auditorio Julio Vázquez, abordaban unha serie de cuestións que lle afectan de maneira directa ao rural e, en especial, á provincia de Ourense. O acto era presentado por Xurxo Vázquez (Son de Trives) que de seguido pasaba a palabra a Davide Rodríguez, quen centraba a súa intervención no tema do catastrazo, asegurando que supón “unha especie de multa que se podería ter evitado se o Estado tivera volcado datos de todas as administracións e se tivera procedido á apertura dun prazo de regularización voluntaria”. O xeito de proceder deixa claro para En Marea o afán recadatorio do proceso unido ao feito de “no rural, o valor dos inmobles vai á baixa pero as valoracións catastrais aumentan” , matizaba Davide Rodríguez.

Este deputado tamén destacaba a importancia de dar amparo legal aos concellos para que poidan establecer bonificacións para persoas con dificultades económicas”. Neste sentido, lembrou a iniciativa de En Marea aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia o pasado 22 de novembro de 2016 na que se incluía entre outras cuestións trasladar ao Estado a petición de que se regulen bonificacións no IBI por causas de vulnerabilidade económica. Así como eximir do IBI aos inmobles de uso agrario sen actividade económica e a modificar a lei para que non se compute o patrimonio que estea afecto ou vinculado á actividade agraria, gandeira ou forestal para baremación de limiares patrimoniais nas axudas ao estudo.

En segundo lugar participaba a parlamentaria ourensá Ánxeles Cuña, quen incidía na situación do transporte no rural. “A data do 1 de agosto”, dicía, “é unha ameaza para o transporte público no rural ourensán xa que finaliza a obriga imposta para continuar prestando este servizo” segundo trasladaron as empresas do sector a través dunha carta aos alcaldes dos municipios afectados. “A súa eliminación sería un novo golpe difícil de dixerir para aqueles ourensáns que non residen na cidade”, indicaba Cuña. Ademais adiantaba que En Marea está elaborando un “plan integral de mobilidade e de ordenación do territorio. Queremos que haxa unha cohesión, que ese servizo de transporte non se perda e equilibrar a balanza”.

Finalmente, Luís Villares referíase ao intento de acabar con servizos esenciais no medio rural como os rexistros civís e os xulgados de paz por unha banda e, pola outra, cos rexistros da propiedade. “Planifícase dende os despachos sen saber cal é a realidade. Non se falou cos alcaldes, nin coa xente afectada, unicamente se falou cos rexistradores da propiedade”, sinalaba o deputado.

Para Villares a intención de suprimir dez demarcacións en Galicia suporá “un afastamento do servizo da poboación rural”, o que dará lugar a “unha maior dilación de tramitación das actividades que se levaban a cabo neste servizo, ao tempo que é unha nova penalización e encarecemento máis das condicións de vida das persoas que viven no rural”. Neste senso comentaba que En Marea aposta por “manter o servizo de rexistro da propiedade no rural así como o rexistro civil e xulgados de paz e continuará a traballar para como no caso destes últimos, lograr que o Goberno non teña máis remedio que dar volta atrás”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button