Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

En Marea defende en Trives un proxecto de futuro para a provincia

O auditorio desta vila acollía un mitin que concluía coa intervención de Xosé Manuel Beiras e no que interviñan os candidatos Davide Rodríguez e Eva Gutiérrez

“En Marea ten un proxecto para o rural e para a provincia de Ourense”. Así o destacaba o número dous da lista desta formación en Ourense, Davide Rodríguez, ante as numerosas persoas que enchían o Auditorio Julio Vázquez de Trives. Nel tiña lugar o mitin central de En Marea na comarca trivesa na tarde do 16 de setembro, coa presenza ademais de Xosé Manuel Beiras, voceiro de Anova Irmandade Nacionalista; de Eva Gutiérrez, número tres da candidatura por Ourense; e de Jorge Vázquez, concelleiro de Son de Trives; quen ademais presentaba o acto.

Davide Rodríguez resaltaba que En Marea presenta un programa para lograr “un país xusto, das persoas e para as persoas” e que esta formación “vai levar como estandarte a defensa de Galicia en todos os ámbitos: o cultural, o medioambiental, o gandeiro… Imos defender a toda costa os intereses dos galegos e das galegas”.

O acto concluía cunha longa e aplaudida intervención de Beiras non exenta de ironía e de referencias económicas e na que fixo un repaso pola traxectoria política de Galicia, facendo especial fincapé na súa etapa democrática e na xestión do actual goberno da Xunta. “Dende a entrada en vigor do Estatuto de Autonomía de Galicia no 81, agás os dous anos de goberno tripartito e os catro escasos do bipartito, que son un total de seis anos, sempre gobernou o PP. De 35 anos, o PP leva gobernando 29, entón a situación do país, ¿de quen é responsabilidade?”, apuntaba.

Beiras tamén explicaba as orixes do que hoxe é En Marea, á que calificou como “a alternativa máis autenticamente democrática das que se presentan a estas eleccións, a máis antitética do que representa o PP”. Lembraba o proceso seguido para a elección dos candidatos das listas, no que votaban 10.000 persoas, e poñía en valor a figura do candidato á presidente da Xunta desta formación, Luis Vilares, lembrando a súa traxectoria na xudicatura. “O 26 de setembro encetaremos unha nova andaina”,
aseguraba.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button