PolíticaÚltima hora

En Marea defende no Parlamento a declaración de Pena Trevinca e o Teixadal de Casaio como parque natural

A iniciativa foi rexeitada cos votos en contra do PPdeG
Pena Trevinca con neve. /Foto: Carlos G. Hervella.

Na mañá do 7 de xuño, En Marea reclamaba no Parlamento de Galicia que “comece o proceso para declarar parque natural o Teixadal de Casaio e Pena Trevinca”, un espazo de gran valor natural e paisaxístico “ameazado pola actividade mineira e incendiaria”, en palabras da deputada ourensá Ánxeles Cuña, quen visitaba a zona hai un mes.

Para En Marea é “inadmisible o catálogo de continuos incumprimentos da Xunta con Pena Trevinca” e esíxelle ao Goberno galego que “asuma tamén a precisa determinación de hábitats de interese comunitario e prioritarios, así como unha relación das especies ameazadas, rematando o proceso de aprobación do Plan de Ordenación de Recursos Naturais”.

Na súa intervención, Ánxeles Cuña amosou a súa preocupación porque se poida deixar desaparecer o que cualificou como “unha xoia única en Europa” perante o grave risco de incendio na que se atopa pola ausencia de medidas de prevención.

 

O Teixadal de Casaio. /Foto: Carlos G. Hervella.

Malia os votos a favor de PSdeG e BNG, a iniciativa de En Marea foi rexeitada cos votos en contra do PPdeG quen critica a En Marea “por querer declarar Pena Trevinca como parque natural sen consenso nin ter falado coa xente e concellos implicados”.

O deputado do Grupo Popular, Moisés Blanco, lamentou que En Marea “veña cunha proposta de gran calado ignorando todo o traballo feito desde a Xunta de Galicia ou descoñecendo con precisión cal é a protección actual desta fermosa zona”. En concreto, Blanco Paradelo explicou que Pena Trevinca está incluída na Rede Natura 2000, con figuras de protección como lugar de importancia comunitaria, zona de especial protección para aves e zona especial de conservación. “Ademais, conta cuns indicadores de seguimento que conlevan a necesidade de fixar adicionalmente outras medidas de conservación ou revisar e actualizar as existentes”, apuntou.

Moisés Blanco afirma que a declaración dun espazo natural como parque natural “debe ser unha medida moi estudada e consensuada, en primeiro lugar cos habitantes dos concellos implicados, que a día de hoxe consideran a figura actual de protección, xunto coa normativa vixente, é tecnicamente suficiente para protexer os valores naturais presentes en Pena Trevinca”. Ademais “a declaración dun lugar como parque natural non é unha decisión que debe establecerse á lixeira como pretende En Marea, senón que debe estar xustificada no cumprimento dos requisitos establecidos para esta categoría de espazo natural protexido e pensando no interese de todos, ao tempo que se mantén o necesario equilibrio para que sexa compatible con outros usos e actividades deportivas, culturais, turísticas ou empresariais”, sinalou.

Artigos relacionados

Back to top button