PolíticaÚltima hora

En Marea mantén un encontro coa Organización Galega de Comunidades de Montes

Entre os deputados asistentes a esta xuntanza, na que se abordaban as dificultades para o desenvolvemento desta propiedade comunitaria, estaba Davide Rodríguez, de Manzaneda
Reunión dos deputados de En Marea coa Organización Galega de Comunidades de Montes.
Reunión dos deputados de En Marea coa Organización Galega de Comunidades de Montes.

Os deputados de En Marea no Parlamento de Galicia Davide Rodríguez, Paula Quinteiro e Marcos Cal, e a voceira no Congreso, Alexandra Fernández, reuníanse o 7 de novembro coa Organización Galega de Comunidades de Montes en Pontevedra para coñecer de primeira man as súas necesidades e demandas desta propiedade comunitaria.

Entre os temas abordados estaba a condonación das débedas. “A Xunta de Galiza, para o cumprimento da Lei de Montes quere obrigar ás comunidades de montes que manteñen convenio de xestión coa administración autonómica, a que abonen unhas supostas débedas económicas que lles reclaman por supostas inversións feitas, carentes da xustificación necesaria e en todo caso actuacións impostas sen o consentimento dos veciños e veciñas. Medida a aplicar para deixar sen efecto os convenios tal e como denunciaron desde a propia organización”, sinalan dende En Marea. Neste senso esta formación política instará á Xunta a que inclúa nos vindeiros orzamentos unha partida orzamentaria para condonar as débedas dos MMVVMC consorciados ou conveniados.

Outros dos asuntos que se poñían sobre a mesa era o da fiscalidade. “Como explicaron os representantes da organización o Goberno Central inclúe as comunidades de montes como suxeitos do imposto de sociedades, como se de empresas mercantís se tratase, cando son organizacións dentro da economía social sen ánimo de lucro”, sinalan dende En Marea, que ten previsto pedir a modificación do Decreto 23/2016, do 25 de febreiro polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polos montes veciñais en man común en actuacións de mellora e protección forestal, “para que a tramitación sexa simple, retirar a cantidade das subvencións da base impoñible e dar un período de amortización de 15 anos para as cantidade recibidas polas expropiacións, xa que ter que investilas entre un e catro anos, e impedir o logro dun monte multifuncional e sustentable”.

Tamén se falaba de cuestións relativas ás axudas e subvencións e da falta de atención e asesoramento necesario ás comunidades de montes por parte da Administración, dando lugar en moitos casos ao abandono ou entrega das terras a mans privadas.

Artigos relacionados

Back to top button