PolíticaÚltima hora

En Marea pedirá novamente no Parlamento a retirada da liña de alta tensión que atravesa Manzaneda

Segundo o convenio asinado entre o Concello e REE, esta liña sería desmontada unha vez que entrase en funcionamento unha liña nova Trives-Aparecida, pero, destacan dende En Marea, non foi así
O alcalde de Manzaneda, Félix Domínguez, e o deputado de En Marea, Davide Rodríguez, baixo a liña de alta tensión que REE non quere retirar pese a terse comprometido a elo. Na visita tamén participou Xurxo Vázquez, concelleiro de Son Trives-En Marea.

Non é a primeira vez que se pide no Parlamento de Galicia a retirada da liña de alta tensión que atravesa o municipio ourensán de Manzaneda. Os deputados Davide Rodríguez e Pancho Casal, de En Marea, rexistraron xa varias iniciativas neste senso na Cámara galega. Nunha delas “o Parlamento de Galicia acordou reclamar a Red Eléctrica Española (REE) a retirada definitiva desta liña. No mesmo sentido, na interpelación realizada por En Marea ao director xeral de Enerxía da Xunta, Ángel Tahoces, este admitiu que o Concello tiña razón nas súas demandas e na esixencia do cumprimento do convenio”, recordan dende esta formación política.

En Marea volverá levar ao Parlamento de Galicia e ao Congreso o incumprimento por parte de REE do convenio asinado entre esta empresa e o Concello de Manzaneda no que estaba prevista a retirada dunha liña de alta tensión de máis de 9 quilómetros de longo. Segundo este convenio, esta liña sería desmontada unha vez que entrase en funcionamento unha liña nova Trives-Aparecida. “A liña nova entrou en funcionamento, pero a vella segue sen estar desmontada, pese ao compromiso firmado por parte de REE”, din dende En Marea. Será o deputado Davide Rodríguez quen rexistrará as novas iniciativas deste grupo no Parlamento galego.

Pola súa parte, o Concello de Manzaneda vén de anunciar que interporá unha denuncia contra REE polo incumprimento do convenio subscrito o 28 de setembro de 2009 con esta administración local e segundo o cal, unha vez posta en funcionamento a nova liña Trives – Aparecida a 440 KV, sería desmantelada a liña vella co Trives – Aparecida que funcionaba a 220 KV.

Artigos relacionados

Back to top button