PolíticaÚltima hora

En Marea presenta as súas listas por Ourense ás eleccións xerais

Tanto na candidatura ao Congreso como na do Senado hai unha notable representación do oriente ourensán

“Sacar do ostracismo á provincia de Ourense e levar alto e claro a súa voz dentro dun Congreso dos Deputados máis aberto que nunca”. Deste xeito resumía Luis Villares, voceiro de En Marea o obxectivo co que esta formación concurrirá ás vindeiras eleccións xerais na provincia. Dicía estas palabras na presentación da candidaturas ourensás de En Marea ao Congreso e ao Senado, celebrado na tarde do 28 de marzo ao carón da fonte dos Xardíns do Barbaña, na cidade.

Esta este acto estaba presentado polo deputado galego de En Marea Davide Rodríguez, quen sinalaba que nos ratios socioeconómicos a provincia de Ourense está “á cola de todos os territorios e os compañeiros/as que van nas listas ao Congreso e ao Senado van cunha ilusión de renovación e teñen as ideas moi claras do que hai que facer para que esta provincia por fin esperte”.

A continuación daba paso ao cabeza de lista ao Senado, Millán Brea, quen se refería ás lembrou ás “alarmantes cifras de emigración que padece o conxunto de Galicia, e máis en concreto a provincia de Ourense”. O candidato puxo o foco na xeración máis nova, maioritariamente ausente pola falta de oportunidades laborais e emprego de calidade na súa terra. E marcou como obxectivo reverter esa emigración forzada e sentar as bases para rematar coa precariedade e favorecer un futuro digno.

 

Millán Brea, cabeza de lista ourensán ao Senado por En Marea./ Foto: Carlos G. Hervella.

Despois interviña a barquense Sonia Couso, número catro na candidatura ao Congreso, quen recordou a vaga de incendios que volve afectar ao monte galego. Aludía ademais ás eivas que segue a padecer o rural; un espazo maioritario en Galicia, que precisa dunha aposta para “facer do sector primario un sector de desenvolvemento para unha industria agroalimentaria competitiva. Facilitar os recursos endóxenos e favorecer fórmulas baseadas no cooperativismo. E impulsar un modelo que respecte a capacidade de acollida do medio como fórmula para revitalizar o rural e reverter o alarmante descenso de poboación que afecta moi especialmente á provincia”.

 

A barquense Sonia Couso, cuarta na lista de En Marea ao Congreso por Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

Couso non é a única representante da parte oriental da provincia nestas candidaturas. De feito destacan pola gran presenza de persoas desta zona. É o caso tamén do número tres ao Congreso, Jorge Vázquez, así como da suplente número 2 ao Congreso, Moruena Carvalho, ambos triveses. Tamén de Trives é a número dous ao Senado, Ana García, mentres que o primeiro suplente nesta candidatura é o rues Íñigo García.

O terceiro en tomar a palabra era o cabeza de lista ao Congreso de En Marea por Ourense, Iván Olmos, que resaltou o papel de En Marea como forza política capaz de situar as necesidades da provincia de Ourense nas institucións do Estado.

“Dende o ano 2000″, dicía, “esta provincia perdeu 36.000 habitantes. E entre a xente moza, a cifra é de 28.000 habitantes. 1 de cada 3 habitantes é maior de 65 anos, e 1 de cada 3 mulleres empregadas traballa en condicións precarias. Somos líderes tamén en salarios precarios. Somos a segunda provincia do Estado con menor taxa de natalidade e tamén a segunda con máis persoas inactivas. Por todo iso é preciso un cambio no Congreso e no Senado. E por iso damos o paso de poñer enriba da mesa unha situación para a que, neste momento, non se albisca futuro nin solución”. Así mesmo criticou as elevadas cotas de autónomos e reclamou unha fiscalidade xusta para os que traballan sen saber se van acadar ingresos suficientes para afrontar eses pagos fixos.

 

Iván Olmos lidera a lista ourensá de En Marea ao Congreso./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Este acto pechábase da man do voceiro de En Marea, Luís Villares, quen afirmaba que “estamos ante o final das maiorías absolutas. A previsión é dunha gran fragmentación do voto, polo que nos xogamos a composición dunha maioría en clave democrática que amplíe dereitos para as clases traballadoras, dereitos sociais, que non deixe ninguén atrás e que reforce a idea do autogoberno”.

Villares puxo sobre a mesa a necesidade de conseguir dar forma a un grupo parlamentario forte, capaz de impulsar as transferencias que Galicia precisa. “Como a creación dunha Policía autonómica que teña capacidade de despregue terrotorial plena e capaz de atender ás necesidades de seguridade e servizo público e á rede viaria”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button