PolíticaÚltima hora

En Marea mostra a súa candidatura por Ourense ás eleccións do 25S

A formación, que aglutina membros de diversas confluencias, será encabezada pola dramaturga Ánxeles Cuña

O Xardín Termal de Ourense foi o escenario elixido por En Marea para presentar esta mañá, 25 de agosto, a súa candidatura ourensá ás eleccións autonómicas de setembro. A un mes xusto de pasar polas furnas, a formación desvela os primeiros rostros dunha lista que leva membros das confluencias Somos Marea, Somos Quen, En Confluencia Podemos e Marea das Terras de Ourense, definíndose como a “única alternativa real e útil”. Vai liderada pola dramaturga Ánxeles Cuña, que estivo arroupada por tres dos seus compañeiros e polo seu candidato á presidencia da Xunta, Luís Villares.

O acto comezou cunha primeira intervención a cargo de Manuela Pérez, número 5 da candidatura, que subliñou que a súa proposta de goberno “é o goberno da claridade e da cordura”. Estes conceptos, xunto co de transparencia, cambio ou esperanza, foron os máis empregados nos discursos. Tamén gañaron protagonismo ideas como a de “acabar coa discriminación e a brecha entre a Galicia mariñeira e a do interior”, matizaba Xosé Manuel Pérez (4). Neste mesmo senso se manifestaba Davide Rodríguez, número 2 da candidatura e exalcalde do Concello de Manzaneda, que se manifestou confiado en que “outro Ourense é posible”. “Somos a única alternativa real e últil”, engadiu.

Logo, falou a cabeza de lista, Ánxeles Cuña, que ao inicio foi interrompida por unha muller que, a berros, pedía “un traballo digno”. Facendo referencia a ela, Cuña explicou que concorren ás eleccións coa vontade de “aglutinarnos para o ben común, deixando á marxe os personalismos”. Para iso, explicou que para confeccionar as listas se seguiran criterios de “horizontalidade, participación e igualdade”.

Por último, interviu o candidato de En Marea á presidencia da Xunta, Luís Villares, que convidou a reflexionar sobre os feitos do goberno do Partido Popular. “Paro e emigración son os feitos que deixa Feijoo. E a Ourense que lle ofrece? A monarquía baltárica, a miseria moral”, criticou o lucense. Fronte a isto, Villares alzouse como bo exemplo, pois subliñou que é o único candidato á presidencia da Xunta que se presenta por unha das provincias do interior, neste caso Lugo. “As provincias interiores non van quedar atrás”, concluíu.

Texto: Sara Fontenla
Fotos: Carlos G. Hervella

Máis información e fotos:
https://osil.info/davide-rodriguez-un-parlamentario-ourense-oriental-e-algo-que-nunca-sucedeu/

Artigos relacionados

Back to top button