PolíticaÚltima hora

En Marea propón 15 medidas “de urxencia” a partir do 25S

A candidatura ourensá buscará crear comisións de investigación sobre o accidente ferroviario de Angrois e a fusión das caixas, así como a declaración de zona catastrófica aos afectados polos lumes forestais
Membros de En Marea, esta mañá, na Sala Valente. // Foto: S.F.
Membros de En Marea, esta mañá, na Sala Valente. // Foto: S.F.

En Marea presentou esta mañá en Ourense o seu programa de medidas para o goberno da Xunta. Entre elas destacou unha batería de 15 propostas para aplicar “de urxencia”, nas que figuran acción como a de crear comisións de investigación no Parlamento sobre o accidente ferroviario de Angrois e a fusión das caixas galegas, conseguir que a AP-9 pase a mans públicas ou a declaración de zona catastrófica dos montes afectados polos incendios. No acto participaron os principais rostros da candidatura por Ourense, como Ánxeles Cuña, Davide Rodríguez, ou José Manuel Pérez Bouza. En definitiva, un programa que Cuña definiu coma “o noso depósito de esperanza polo ben común”.

Segundo explicaron, o programa está sustentado por máis de 400 achegas de particulares e colectivos, así como diferentes entidades, en función das súas demandas. Posteriormente, comezaron reseñando a importancia da economía “ao servizo das persoas”. Neste eido, as súas políticas centraranse na creación de emprego e en medidas para paliar a precariedade laboral, o apoio da administración ao cooperativismo ou a posta en marcha dun plan para buscar o retorno dos mozos galegos emigrados. Tamén en materia de números, detallaron que buscaran crear novos entes como o Instituto Galego de Crédito.

En materia de benestar e sanidade, En Marea volcarase na recuperación dos servizos públicos privatizados e, de xeito máis intenso, na restitución dos postos de traballo, na busca de listas de espera “máis transparentes” e no fin da “dualidade de traballar pola mañá na pública e pola tarde na privada”. En canto ao eido educativo, a formación esixirá a paralización do calendario da Lomce e, en caso contrario, buscará acordar co Conselleo Escolar unha paralización “á galega”. Así mesmo, tamén anunciou que incrementarán o diñeiro para bolsas e o gasto público para dependentes, en benestar.

A cultura e a igualdade conforma para En Marea un dos piares básicos do seu programa. Así o deixou claro Eva Gutiérrez, que manifestou o firme obxectivo da formación de recuperar unha Consellería de Cultura única e exclusiva, fronte á actual, que comparte titular con outras áreas. Tamén nesta materia apostan pola creación de novos entes públicos coma o Instituto Galego de Igualdade de Xénero, así como a imposición dunha linguaxe inclusiva e o fomento do deporte feminino.

Outras medidas referidas no acto desta mañá foron as de apostar por unha maior eficiencia dos recursos do medio rural, con limpeza de ríos, montes e bosques, a xestión comunitaria dos montes ou a implantación dun modelo de xestión pública da auga. Tamén buscarán potenciar o sector primario entre a mocidade, cunha liña de axudas a novas explotacións e proxectos cooperativos.

Artigos relacionados

Back to top button