PolíticaÚltima hora

En Marea propón crear unha lei galega de educación e suspender a aplicación da Lomce

A candidata ourensá Ánxeles Cuña mostrou na cidade o programa da formación en materia educativa
Ánxeles Cuña mostrou algunhas das propostas de En Marea en materia de educación.
Ánxeles Cuña mostrou algunhas das propostas de En Marea en materia de educación.

Ánxeles Cuña, candidata de En Marea por Ourense ás eleccións ao Parlamento de Galicia, presentou esta mañá na cidade as propostas da formación que representa en materia educativa. Entre elas figuran a creación dunha lei galega de educación e a suspensión da Lomce na comunidade. Segundo dixo, este novo marco normativo estaría sustentado “na comunicación, na transparencia e na interlocución directa con toda a comunidade educativa e coa sociedade”.

Cuña mostrouse en contra dos recurtes nesta área e explicou que as súas propostas van na dirección de reverter a situación. Avoga por un incremento da inversión en educación até supor o 7% do PIB ao remate da lexislatura, co que, segundo entende, “suporá a recuperación progresiva dos postos de traballo perdidos”.

En Marea tamén contempla a conxelación dos concertos educativos e a posta en marcha dunha auditoría para fiscalizar os existentes. Así mesmo, Cuña subliñou a importancia que darán á recuperación e á proxección da lingua e da cultura galega neste eido.

A candidata desta formación mantivo ademais unha xuntanza co Colexio de Educación Social para escoitar as demandas da institución.

Artigos relacionados

Back to top button