PolíticaÚltima hora

En Marea solicita no Parlamento elaborar un plan de axudas ao comercio nos concellos rurais de menos de 5.000 habitantes

Segundo os deputados Davide Rodríguez e Paula Quinteiro, “sen unha política que permita fixar a poboación e atraer a novas familias, calquera intento de revitalizar o seu comercio está condenado ao fracaso”
O deputado Davide Rodríguez, de En Marea, intervindo no Parlamento galego.

Por iniciativa dos deputados Paula Quinteiro e Davide Rodríguez, o grupo parlamentario de En Marea presentan unha proposición non de lei para o seu debate na Comisión 7ª: instar á Xunta a elaborar un plan de axudas ao comercio que teña por obxecto mellorar a súa actividade nos concellos rurais de menos de 5.000 habitantes.

Tal como explican dende En Marea, mentres que a oferta e a demanda de baixos comerciais desenvólvese de xeito moi positivo na maioría das cidades galegas (segundo o último informe da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias Ferrol é a única que mostra síntomas claros de estancamento), “os concellos de menos de 5.000 habitantes rexistran cada vez menos actividade económica e a demanda de locais comercias leva tempo caendo en picado. Dito doutro xeito: os concellos máis poboados acaparan gran parte da actividade comercial. Así, mentres que o 80% da demanda se concentra en 50 dos 313 concellos o 20% restante ten que repartirse entre 263 concellos”.

As causas de que isto suceda son moitas e de moi diverso tipo. “Hai causas sociais –a preferencia polo modo de vida urbano, cada vez máis estendida–, hai causas económicas –o peche masivo de oficinas bancarias– e, dende logo, hai causas políticas. O despoboamento e o envellecemento nos concellos de menos de 5.000 habitantes fan moi complicado atraer novas actividades económicas. Sen unha política que permita fixar a poboación galega no rural e atraer a novas familias, calquera intento de revitalizar o seu comercio está condenado de antemán ao fracaso”, sentencian dende En Marea.

Artigos relacionados

Back to top button