SanidadeÚltima hora

En Ribadavia aplicaranse as mesmas restricións que nas 7 grandes cidades galegas

Estas medidas aplicaranse a partir das 00h. do 14 de novembro, tal e como vén de anunciar o conselleiro de Sanidade

Praza Maior de Ribadavia./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O concello de Ribadavia e a comarca de Bergantiños (coa excepción da Laracha) pasarán a ter as mesmas restricións especiais que se están aplicando xa en 60 concellos galegos, entre eles 7 grandes galegas, con peche de hostalaría e restricións de mobilidade. Así se decidía esta mañá na reunión que vén de manter o subcomité clínico de expertos que segue a pandemia do Covid-19 en Galicia, tal e como vén de adiantar o conselleiro de Sanidade, Julio García, tras a xuntanza. A medida tomábase debido “a evolución do número de casos” nestas zonas.

Entrada en vigor das medidas (que será publicadas no DOG hoxe) está plantexada a partir das 00h. do 14 de novembro e cunha duración de 4 semanas, nun principio. No municipio de Ribadavia “tense ido incrementando de maneira paulatina o número de casos, estamos en 39 casos a 14 días, cun goteo permanente, por iso era necesario tomar medidas”, matizaba a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Con respecto á saída das restricións nas zonas nas que se están aplicando, o conselleiro indicaba que “seguimos traballando neses criterios de saída tanto no número como na forma de saír”.

Estas novas medidas adoptadas polo grupo de expertos que fai seguimento a evolución da covid-19 en Galicia, chega nun momento en que a expansión do virus Sars-CoV-2 na nosa comunidade semella estabilizarse, tras rexistrárense sete días consecutivos nos que descende o número de casos activos.

Durante a súa intervención, o conselleiro de Sanidade, instou á poboación a cumprir as medidas hixiénico-sanitarias establecidas, poñendo especial énfase no cumprimento das medidas referidas ás visitas hospitalarias. Así mesmo, convidou a toda a cidadanía a descargar as aplicacións Passcovid e Radarcovid.

Pola súa banda, o xerente do Sergas, José Flores, incidiu en que debe facerse unha análise “prudente e contida dos datos”, pois, a pesar de que as medidas semellan estar a dar os froitos, aínda é cedo para sacar conclusións.

Nesta mesma liña, a directora xeral de Saúde Publica, Carmen Durán, repasou a evolución epidemiolóxica dos concellos que se atopan sometidos a restricións perimetrais, destacando que malia a que “a evolución epidemiolóxica na comunidade é estable e con certa tendencia ao descenso” é preciso non baixar a garda.

Finalmente, o conselleiro concluíu a súa intervención agradecendo unha vez máis o traballo de todos os profesionais sanitarios, e tamén a toda a cidadanía galega pola responsabilidade que está a amosar desde o primeiro momento da pandemia.

Artigos relacionados

Back to top button