Sanidade

En Valdeorras atendéronse 2.373 urxencias dende Nadal até o pasado mércores

A Xestión Integrada da provincia sinala que a maioría das asistencias urxentes, 1.645 concretamente, foron nos PAC da comarca

 

Hospital Comarcal de Valdeorras.

Os procesos gripais e afeccións respiratorias, propios a epidemia estacional da gripe, seguen a encher as Urxencias dos hospitais da provincia e os Puntos de Atención Continuada (PAC). Dende a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras fixeron onte públicos os datos de atención de urxencias na Área de Valdeorras. En total, atendéronse 2.373 do total de 12.116 urxencias rexistradas no conxunto da provincia entre 25 de decembro, día no que comezou o pico de atención, até o mércores 11 de xaneiro.

Segundo informan fontes sanitarias, o 70% destas urxencias “foron atendidas nos tres Puntos de Atención Continuada da zona de Valdeorras (O Barco, Trives e Viana do Bolo). Neste período de tempo, os tres PAC de desta zona (dos 14 existentes na provincia) atenderon un total de 1.654 urxencias. Destas, desta a alta actividade rexistrada polo PAC de O Barco, con 1.130 urxencias, unha cifra moi superior, sinalan dende a Xerencia, ás atendidas neste mesmo período polo servizo de Urxencias do Hospital Comarcal de Valdeorras (HCV), con 728. En cambio, o pasado luns 9 de xaneiro, o Hospital Comarcal atendeu 48 urxencias e o PAC rexistrou 45.
En canto aos días de máis afluencia, os maiores repuntes nos PAC danse nos domingos e festivos, sendo os luns, ou días posteriores a festivo, os de maior afluencia no Hospital Comarcal de Valdeorras.

Fronte ao repunte de 66 urxencias rexistradas no HCV, o pasado sábado día 7 de xaneiro, o PAC do Barco superou a súa cota o domingo 8 de xaneiro, con 117 asistencias, un número que supera ao pico rexistrado o venres anterior, 6 de xaneiro, tamén festivo, cando se atenderon 113 urxencias.

A pesar de todo, dende a Xerencia resaltan que, en caso de calquera dúbida e antes de acudir ao hospital, os pacientes teñen a posibilidade de chamar ao 061 e ao 112, onde serán atendidos telefonicamente por un médico que valorará a súa necesidade asistencial, activando os recursos precisos, ou dirixíndoos ao centro sanitario máis axeitado para recibir asistencia.

 

Artigos relacionados

Back to top button