CulturaCulturaÚltima hora

Encarna Ruíz, gañadora do Concurso de Microrrelatos da Ribeira Sacra-Parada de Sil

A viguesa Nones Araújo recibiu o segundo premio e o coruñés Siddharta Álvarez obtivo o terceiro

Os premiados, de esquerda a dereita: a gañadora, Encarna Ruíz; a segunda clasificada, Nones Araújo e Siddharta Álvarez, terceiro premio.

 

A palentina Encarna Ruíz recibiu o primeiro premio, dotado de 1.000€, da oitava edición do Concurso de Microrrelatos Ribeira Sacra-Parada de Sil co seu traballo “Unha vida de película”. A segunda clasificada foi a profesora viguesa Nones Araújo pola súa obra titulada “A preñez desiguala” mentres que o coruñés, Siddharta Álvarez, obtivo o terceiro galardón polo texto “Café solo”.

A entrega de premios tivo lugar no salón de sesións do Concello de Parada de Sil e desenvolvouse cumprindo estritamente as medidas hixiénico sanitarias derivadas da pandemia do coronavirus. O acto foi presidido polo alcalde, Aquilino Gómez, e contou coa presenza do concelleiro de Cultura, Francisco Magide; e do presidente do xurado, Antonio Carreño; este último acompañado de Delfín Caseiro e Arturo Fernández, membros do mesmo.

 

Os premiados co alcalde, Aquilino Domínguez, o concelleiro de Cultura, Francisco Magide e os membros do xurado, Antonio Carreño, Delfín Caseiro e Arturo Fernández.

 

O certame contou cunha participación récord de 1.044 relatos procedentes de distintas partes de España, América e ata Israel. Durante a súa intervención na entrega de premios, o alcalde quixo destacar este feito sinalando que o concurso supón “un estímulo á nobre arte da escritura”. O concelleiro de Cultura pronunciuse nun xeito similar afirmando que “a alta participación e a calidade dos traballos presentados supoñen tamén un respaldo claro á aposta do Concello pola cultura e polos recursos naturais, artísticos e monumentais da nosa terra”.

Fotos: cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button