OurenseÚltima hora

Encontro cos Rolling Stones a través de 400 obxectos, en Ourense

O Centro Cultural da Deputación acolle ata o 18 de outubro unha mostra que percorre a historia desta mítica banda de rock

Manuel Baltar (presidente da Deputación Ourense) acompañado polos organizadores da exposición Alberte Sánchez-Runde, Mara Vilar-Sancho e Teresa Ramón, na inauguración da mostra.

 

“Rolling Stones collection Sánchez-Runde” é o título da mostra que pode visitarse dende o 3 de setembro no Centro Cultural Marcos Válcarcel. Percorre a historia desta mítica banda de rock a través de 400 obxectos como carteis, discos, libros, instrumentos musicais e diverso material pertencente á colección de Alberto Sánchez-Runde, quen comezou a compilar obxectos sobre a banda á idade de 12 anos.

A exposición, que se inauguraba na tarde do 3 de setembro coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e do coleccionista; permanecerá aberta ata o vindeiro 18 de outubro.

Trátase “dunha mostra que amosa a traxectoria da banda máis lonxeva da historia do rock and roll e tamén a paixón polo coleccionismo de Alberto Sánchez-Runde, quen conseguiu co esforzo de moitos anos compilar unha colección das máis importantes do mundo sobre os Rolling Stones”, aseguraba Baltar, que ademais cualificou ao grupo como “a banda sonora do século XX e de boa parte do que levamos de século XXI”.

 

Baltar intervindo noutro momento do acto inaugural da mostra.

 

Sánchez-Runde explicou que a colección naceu cando, de neno, lle regalaron o disco “Aftermath”. A partires de entón foi facéndose con multitude de obxectos dos Rolling Stones, entre os que destacan xoias como unha guitarra asinada por Ron Wood, estrela da colección, ou o vinilo de” Sticky Fingers”, cunha portada asinada por Andy Warhol. Os Rolling Stones iniciaron a súa andaina nos anos 60 do século pasado da man de Mick Jagger, Keith Richards, Bill Wiman e Charlie Watts, uníndose ao longo da súa longa historia talentos como Brian Jones e Ron Wood, toda unha traxectoria que ata o vindeiro 18 de outubro pode contemplarse nos máis de 400 obxectos desta exposición que acolle o centro cultural “Marcos Valcárcel”.

 

Artigos relacionados

Back to top button