En portadaÚltima horaVídeos

Encontro dos atletas Fernando Carro, Maitane Meleiro e Alejo Ares coa afección antes do nacional de 10K

Na tarde deste sábado asinaban carteis nun acto celebrado no salón de actos do concello barquense

 

No Barco está todo listo para a gran cita de mañá: o Campionato de España de 10 KM en Ruta, nas categorías absoluto e máster. Xa ao longo da xornada deste sábado se respiraba ambiente de atletismo polas rúas, con grupos de deportistas chegados dende diferentes puntos de España deixándose ver pola vila e recollendo as dorsais no pavillón vello barquense, preto da praza do Concello.

Pero un dos momentos máis esperados da fin de semana chegaba ben entrada a tarde no Salón de Actos do Edificio Multiusos barquense, coa presenza de tres dos atletas que o darán todo na carreira de mañá: o plusmarquista madrileño Fernando Carro, a navarra Maitane Meleiro e o valdeorrés Alejo Ares, acompañados por varios representantes da Federación Galega de Atletismo, entre eles o presidente Isidoro Hornillos e o concelleiro de Turismo do Barco, Elalio Santos.

Diante de numerosos afeccionados, atletas e público en xeral, era o concelleio quen daba a benvida aos asistentes, especialmente aos atletas, con especial mención ao Club Adas Cupa. “Grazas ao seu labor e a aposta do Concello podemos desfrutar esta fin de semana no Barco dun evento espectacular”, dixo.

 

 

O encargado de presentar aos atletas en representación da Federación Galega de Atletismo era Claudio Hornillos, que tamén daba as grazas pola asistencia ao acto previo ao campionato no que “imos poder ver aos mellores atletas de España novamente, xa que esta será a segunda cita nacional polas rúas do Barco, un Concello que se envorca co deportes e concretamente co atletismo sempre tivo un cariño especial polo que agradecemos esa deferencia”, dixo Claudio facendo tamén referencia á acollida que lle ofrece aos deportistas, a cultura, natureza, gastronomía e “moitísima hospitalidade”. Tamén Claudio quixo dar as grazas ao Adas Cupa “ese club dinamizador que conseguiu situar no mapa atlético nacional e internacional ao Barco e relacionala co atletismo”.

O presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos asegurou estar “encantado de poder darvos a todos a benvida en nome da Federación cunha enorme satisfacción por ter ao meu lado a persoas que son referentes internacionais”, poñendo en valor o labor dos voluntarios que mañá terán un papel determinante no desenvolvemento da proba.

Con todo, os grandes protagonistas da tarde eran os atletas. Fernando Carro foi dúas veces atleta olímpico en Toquio e Pekín, plusmarquista de España dos 3000 obstáculos e campión de España nesta mesma especialidade; 3 campionatos do mundo; 2 campionatos de Europa,… farán que aporte calidade e categoría a esta edición do campionato. Con respecto ás expectativas para mañá, Fernando asegura que neste campionato atopa unha nova motivación persoal cunha nova disciplina, “e que mellor regreso á competición trala intervención á que fun sometido hai uns meses que nesta terra tan preto da da miña familia na que me atopo a unhas fantásticas persoas que me han tratado de marabilla”.

 

 

Pola súa banda, Maitane Melero de Pamplona, segue combinando con éxito a pista -tal e como demostrou o 9 de abril gañando por segundo ano consecutivo o título nacional de 10.000 m-, e a ruta, onde logrou unha soada vitoria no 10 km de Laredo a mediados de marzo, facendo marca persoal que participará no campionato de Europa xunto a outra galega que tamén estará mañá no Barco, a viguesa Ester Navarrete. Unha cita para a cal a carreira de mañá será un importante test. “Eu crieime en pista e esta será a primeira vez que participe nun campionato de España de 10K polo que veño con moita ilusión a ver se consigo adaptarme ao asfalto e ao circuíto aínda que será difícil porque somos moitas as mulleres que correremos mañá e o nivel é moi alto”, dixo.

O atleta local Alejo Ares, é todo un referente no atletismo valdeorrés e, tal como dixo Claudio Hornillos “o encargado de coller o relevo de Luis Nogueira e capitanear o proxecto do Adas Cupa”. A nivel deportivo foi bronce nacional nos 10.000 metros en 2017 e ruta na 2018 e atleta moi querido na comarca. Alejo coñece ben o terreo e asegura que “é algo moi especial correr en casa porque Tinín puxo moito empeño en traer este campionato aquí e eu afrontoo dun xeito positivo porque no Adas temos atletas moi competentes e mañá podemos dar moita guerra”, dixo. adiantou que espera estar debaixo do 30:30 pero asegura que o circuíto é moi rápido e tamén engañoso. “Creo que non será unha carreira de marcas  pero si rápida”, concluía.

O acto remataba cos tres atletas asinando carteis do campionato.

Fotos e vídeos: Ángeles Rodríguez.

 

Artigos relacionados

Back to top button