En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Encontro literario para celebrar o Día do Libro, no Barco

A Feira do Libro abrirá de novo mañá en horario de 11 a 14h. na praza Andrés de Prada

O 400 aniversario da morte de Miguel de Cervantes e o Día do Libro. Son as dúas citas que se celebraban na xornada do 23 de abril. Dúas conmemoracións ás que se unía o Concello do Barco de Valdeorras a través da Biblioteca Municipal Florencio Delgado Gurriarán, coa organización dunha Feira do Libro na praza Andrés de Prada.

Na mañá do sábado, unha decena de postos (da propia biblioteca, das librerías Murciego e Praxis, das asociacións Vagalume e IEV e tamén do Periódico O Sil) abrían as portas para rendir homenaxe ao Libro e amosar aos veciños e visitantes as últimas novidades literarias e tamén grandes reliquias.

O tempo non acompañou, polo menos durante boa parte da mañá, cunha persistente chuvia que desluciu o evento e minguou a asistencia de público. Aínda así, o sol tamén facía acto de presenza e pouco a pouco a xente íase animando, ollando, lendo, mercando…

Esta iniciativa da Concellería de Cultura do Barco continuará cunha segunda xornada prevista para mañá domingo 24 de abril. A partires das once da mañá a Feira do Libro do Barco de Valdeorras abrirá de novo as portas, contando co espectáculo poético-musical AldaoLado que pechará a actividade da man de Lucía Aldao e María Lado en torno ás dúas da tarde.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button