DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Encontro mototurístico invernal en Trevinca

Moteiros de toda España participaron na Motoxeada 2016 celebrada en Fonte da Cova

Por segundo ano consecutivo, Fonte da Cova (Trevinca) acollía a concentración moteira organizada pola Asociación Motoxeada e desta volta, a aventura foi total trala nevada caída nos últimos días.

Así, numerosos afeccionados ao mototurismo (xente que disfruta facendo quilómetros en moto ao tempo que descubre novos destinos) achegábanse ata o teito de Galicia na pasada fin de semana, malia a dificultade engadida pola neve acumulada. “Contamos con 140 inscritos pero o sábado chegamos a ser 400 persoas” explican dende o colectivo moteiro Balas Rasas, engadindo que a maioría era de Galicia pero tamén viñeron dende Sevilla, Alicante, Madrid, Asturias, Cantabria, País Vasco, Valladolid,… e mesmo Portugal.

Dende o 16 ao 18 de decembro, nin a neve nin o frío impediron que o programa, que incluía rutas, festas, degustación de porco ao espeto e incluso actuacións musicais, se desenvolvese con normalidade. “Unicamente  suspendimos a visita guiada a unha canteira o sábado porque o día amenceu moi desapacible con ventisca, así que en canto despexou fomos directamente a Sobradelo”, explica Javier dende a organización.

Polo demais, todo foi segundo o previsto sendo a paisaxe o que máis sorprendeu á xente nova que acudiu este ano. “A xente coñece A Rúa e O Barco pero descoñecía totalmente esta zona de Valdeorras, quedando sorprendidos polo gran desnivel, pasando dos 350 metros de Sobradelo aos 1.830 en escasos 27 quilómetros de ascenso”, aseguran dende a organización.

Fotos cedidas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button