SanidadeÚltima hora

A Enfermería conmemora a traxectoria dos colexiados que van xubilar

O Colexio de Enfermería de Ourense tamén celebrou os 25 anos de profesión dos seus colexiados
Asunción Pérez, María Villar e María José Menor inauguraron o acto. // Foto: Carlos Asensio. 

Medio centenar de profesionais da Enfermería da provincia foron homenaxeados hoxe, 2 de xuño, pola máxima autoridade que representa a este colectivo, A Organización Colexial de Enfermería de Ourense. Estes profesionais homenaxeados veñen de xubilarse ou cumprir cuarto de século exercendo a súa profesión. O escenario deste acto homenaxe foi o Centro Cultural “Marcos Valcárcel” e tamén serviu para reivindicar o papel da Enfermería como alma do sistema sanitario.

As encargadas de inaugurar esta cerimonia foron a presidenta da Organización Colexial de Enfermería, Asucinón Pérez; a directora de procesos de Enfermería da EOXI Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, María José Menor; e a xefa territorial de Sanidade en Ourense, María Vilar.

O acto celebrouse no Centro Cultural Marcos Valcárcel. // Foto: Carlos Asensio. 

A primeira en intervir foi a presidenta, Asunción Pérez, que salientou que a Enfermería é un traballo “que deixa pegada e o fai con elegancia”. Referíndose aos que xa se van xubilar, aseguroulles que “obriga a deixar de lado unha vocación de servizo ao cidadán e aos demais”. A presidenta puxo en manifesto a evolución da profesión na última década: “antes se nos tiña como meros axudantes dos doutores e agora ocupamos grandes postos de responsabilidade”.

Pola súa banda, a directora de procesos de Enfermería da EOXI ourensá, María José Menor, fixo un discurso centrado no traballo en equipo. Pero antes de falar, lembrou que “eu tamén fago 25 anos na profesión, e fago balance e cada vez valoro máis esta profesión”. No eido do traballo en equipo asegurou que este integra “aos compañeiros, familiares e pacientes”. Asegurou que nos Centros de Saúde e nos hospitais “debemos fomentar ese traballo en equipo para que sexan centros de traballo máis agradables e lexitima unha asistencia sanitaria de calidade”. Para rematar, aos que se xubilan díxolles “grazas pola vosa herdanza” e aos que cumprían, como ela, 25 anos na profesión “animarvos a resistir ante as dificultades”.
Para rematar, foi a quenda de intervir da xefa territorial de Sanidade en Ourense, María Villar, que culaificou a profesión da Enfermería como “admirada, difícil e querida”. Asegurou que o sector sanitario “vén de sufrir moitos cambios nas últimas décadas” e iso esixe, reiterou, “paciencia e formación”. Dende o seu papel de administradora reiterou que a estratexia “Sergas 2020” pretende, entre outras cousas, definir o mapa da compenetración, a mobilidade, adaptación de postos de traballo ou a versatilidade e motivación dos profesionais.

Samuel Rodríguez ofreceu un relatorio sobre dietética tras a xubilación. // Foto: Carlos Asensio. 

Tras as intervencións, Samuel Rodríguez, enfermeiro especialista en Nutrición e Planificación Dietética, ofreceu un relatorio titulado “Hábitos Saudables”, no que ofreceu unha serie de pautas para evitar estados de labilidade, depresión e ansiedade típicos tras a xubilación. O acto rematou cunha entrega de agasallos e a actuación do grupo de música “A Chispa”.

 

Texto: Carlos Asensio.

 

Artigos relacionados

Back to top button