ConcellosO BarcoÚltima hora

“Enredando tour R”, o programa para integrar a persoas maiores na contorna dixital, chegará ao Barco o 29 de setembro

A aula móbil do programa organizado por Cruz Vermella e "R" instalarase a semana que vén nas urbes ourensás para “enredar” persoas maiores no mundo dixital dunha maneira lúdica, ofrecéndolles a degustación dun “menú tecnolóxico” á súa medida

Despois da súa estadía na Coruña, Cedeira, Viveiro, Sarria e Monforte, a aula móbil formativa de “Enredando tour R” achégase á provincia de Ourense para instalarse o luns 27 no Carballiño e desprazarse o martes 28 e o mércores 29, a Verín e ao Barco de Valdeorras respectivamente onde se desenvolverá decontado esta actividade que busca a ‘inclusión dixital’ das persoas maiores.

O principal obxectivo desta acción é minimizar o efecto da fenda dixital que tanto lle afecta a unha gran porcentaxe dos maiores e a outros colectivos vulnerables. “Falamos de persoas que, por exemplo, durante o confinamento e nos momentos máis duros da pandemia, non puideron botar man das novas tecnoloxías para completar xestións esenciais como pedir unha cita médica, facer a compra ou realizar unha operación bancaria sen saír da casa”, explican dende a organización.

Cruz Vermella e “R” teñen claro que “o máis importante é que as persoas maiores lles perdan o medo ás novas tecnoloxías e desenvolvan habelencias básicas que lles permitan avanzar e aprender a navegar por internet, ter unha conta de correo ou enviar unha mensaxe. E, sobre todo, que non se sintan soas e vexan que persoal especializado e persoas voluntarias de Cruz Vermella lles darán o apoio dixital que precisen in situ, no espazo das formacións, e que á vez poden recibir asesoramento a través da páxina enredando.gal, creada especificamente para completar esta acción didáctica dedicada a elas e eles”.

O programa desenvólvese nunha aula móbil con contidos formativos vinculados ás novas tecnoloxías. Unha furgoneta superequipada transporta os smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes… e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá.

As persoas que participen poderán fedellar mentres degustan un dos catro “menús formativos” preparado para que elixan o que máis se adapte ás súas necesidades. En función deses menús, en horario de 10 a 14h, impartiranse nas zonas escollidas de cada localidade 8 talleres (2 por menú) de 45 minutos cada un. Ao ser en espazo exterior instalaranse uns toldos para o desenvolvemento da actividade e cumpriranse escrupulosamente as esixencias sanitarias e medidas anti Covid-19 para garantir a seguridade de todo o mundo e en todo momento.

No caso do Barco de Valdeorras, a furgoneta estará aparcada na praza do Concello o vindeiro mércores 29 de setembro.

Artigos relacionados

Back to top button