ConcellosÚltima horaVilamartín

Enrique Álvarez: “Con estas medidas o que están pretendendo é pechar o rural”

O alcalde de Vilamartín reunirase este mércores de forma telemática coa Consellería de Educación para tratar o peche de aulas no CEIP Xosé Manuel Folla Respino

Exterior do CEIP Xosé Manuel Folla Respino. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

A situación do CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Valdegodos (Vilamartín de Valdeorras) é moi delicada. De feito, segundo a Consellería de Educación, a escaseza de alumnos provocaba a decisión da Administración autonómica de suprimir unha aula e a todos os profesores especialistas que estaban no centro.

Ante esta situación dende o Concello decidían tomar unha serie de medidas “a petición dos pais”, puntualiza o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro. “Unha das que nos propoñen é poñer a figura dos Madrugadores, parécenos ben e dende o Concello o que imos facer é axudar na medida do posible para que iso se leve a cabo. Tamén poremos unha subvención para os libros de texto, e publicitaremos o colexio na medida do posible, destacando as cousas máis interesantes e diferentes con respecto a outros para que os papás e as mamás decidan traer os seus nenos ao colexio, por exemplo o feito de que a atención é practicamente personalizada, algo moi destacable”.

 

Entrada do colexio ubicado en Valdegodos (Vilamartín de Valdeorras).

 

A este respecto, o PP presentaba no Pleno celebrado a pasada semana, unha moción con estes mesmos puntos que “compartimos e estamos dacordo, de feito xa estabamos barallando esas medidas porque eran as peticións dos papás, pero vén a culpar ao Concello da situación do colexio de Valdegodos e iso non o imos consentir de ningunha maneira porque son os seus afins, que gobernan na Xunta os que están mantendo esa Lei. É odioso intentar culpar ao Concello desta situación”.

Unha situación que tratarán este mércores con respresentantes da Consellería nunha reunión telemática. “Nós xa falamos con eles e aseguraron que malia a reunión é moi difícil que cambie absolutamente nada porque é o que di a Lei pero as leis cámbianse e o que non podemos facer é estar dicindo por un lado que hai que axudar ao rural e aquí primeiro perdemos profesores de Primaria, agora perdemos os de Infantil e cada vez que se perde un profesor o colexio vaise deteriorando porque a xente decide levar os nenos a outros colexios. Esa non é forma de apoiar o rural coas subvencións que está habendo da CEE para este tema. Só hai dúas opcións: ou se pretende pechar ou se pretende apoiar e dende o noso punto de vista o que están é pretendendo pechar o rural, dende logo con estas medidas non se apoia”, conclúe taxante Enrique Álvarez.

 

Artigos relacionados

Back to top button