EntrevistasÚltima hora

Enrique Álvarez: “Dúas antigas vivendas de Ibedrola serán convertidas en albergues en Valencia do Sil”

O alcalde de Vilamartín destaca nesta entrevista que pretende seguir promovendo a posta en valor do Castro de Valencia do Sil, que considera un referente para a comarca

O alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez, nunha visita ao Castro de Valencia do Sil.

 

O Concello de Vilamartín de Valdeorras mira ao futuro apostando polo seu pasado e polo seu legado arqueolóxico. Así o vén de demostrar, por terceiro ano consecutivo, apoiando decididamente a escavación e posta en valor do Castro de Valencia do Sil, un xacemento que levaba décadas no esquecemento e que, cada campaña arqueolóxica que pasa, dá mostras do seu gran valor e potencial.

De aí a intención do Concello de seguir apoiando novas intervencións arqueolóxicas, ao mesmo tempo que se traballa nun proxecto máis ambicioso e integral de investigación, formación e divulgación de todo o relacionado con este asentamento tardorromano, tal e como adianta o seu alcalde, Enrique Álvarez Barreiro. E iso sen perder de lado o seu potencial como recurso turístico. “Hoxe na visita guiada había unhas 70 persoas e parécenos que para ser un día da semana ás cinco da tarde, tendo en conta o calor que facía, que vaia tanta xente é indicativo de que isto interesa e é unha mostra de que o estamos facendo ben e de que temos que seguir nese camiño”, resalta o rexedor.

– ¿Como valora esta campaña arqueolóxica e de que maneira se vai seguir potenciando o Castelo de Valencia do Sil dende o Concello?

A valoración é moi positiva e, nun principio, nós imos seguir respaldando iso. Este ano era a segunda vez que o Concello o apoiaba economicamente a escavación e nos orzamentos do ano que vén xa está contemplada outra partida similar. Pensamos que temos que adicar todos os anos esa cantidade mínima, de 19.000-20.000 euros, a esta cuestión. Ademais este ano imos destinar algo máis porque queremos empezar a protexelo e imos colocar unhas cámaras xa que nestes últimos tempos vemos que os amigos do alleo están facendo as súas propias prospeccións, van cos detectores de metais e andan facendo buratos por todo o castelo. Entón imos dedicarlle unha partida que aínda non temos cuantificada para protección.

Por outra banda, a nosa idea, e isto é algo que xa falei co director da escavación, é elaborar un proxecto global do conxunto do xacemento, cunha memoria completa do que hai e do que os arqueólogos pensan que pode haber, de forma que con ela poidamos ir ás distintas administracións, entre elas á Deputación. Esa vai ser a próxima visita que fagamos para ver se eles colaboran con nós neste proxecto que, polo que nos transmiten os investigadores, o xacemento é moi interesante e cada vez promete máis. Así, pretendemos seguir por esa liña e, tamén de cara ao ano que vén, trataremos de facer na parte alta do Centro Social de Valencia unha exposición de material do castro, obviamente protexendo de forma adecuadao local e contando con cartelería informativa

Isto é o que temos en mente, pero non podo asegurar ao 100% que o consigamos porque a verdade é que agora mesmo contamos cun montón de frontes abertas. Neste senso, creo que sería xenial que outras administracións se incorporasen, xa que Valencia do Sil, non só ten relevancia para o noso concello, senón que vai máis alá, a nivel comarcal está resultando moi interesante.

 

Visita guiada nesta tarde ao xacemento de Valencia do Sil./ Cedida.

 

– A colaboración do Concello tamén consiste en aportar aloxamento co albergue municipal aos membros de equipo e aos estudantes do máster da Universidade de Santiago que participan na campaña…

Si, e ese é outro gasto máis que debemos contabilizar. Como dis temos estudantes do Máster da Universidade de Santiago e tamén sabemos a Universidade de León ten interese por que o seu alumnado tamén poida vir facer prácticas ao xacemento, o que nos ilusiona aínda máis, estamos encantados. Dende logo, as portas están abertas.

– ¿Cantas prazas ten o albergue?

De momento son 44 prazas e están suficientemente separadas e iso permitiu tamén acoller aos peregrinos á vez. Os peregrinos destes días viñeron dun en un e non houbo problemas.

Temos á vista novos albergues no municipio. Xa está o proxecto entregado no Concello e proximamente se empezarán as obras en dúas antigas vivendas de Ibedrola en Valencia do Sil que serán dedicadas tamén a albergues, así que son boas noticias para o noso concello, xa que se trata dun investimento moi importante de máis de 600.000 euros. Cremos que isto é algo moi importante e que en Valencia vennos como anel ao dedo de cara ao futuro co proxecto relacionado co castro que temos enriba da mesa. Xa somos unha referencia en albergue na comarca e cando estean estes dous novos, serémolo aínda máis.

Máis información:
https://osil.info/unha-visita-guiada-descubre-a-singularidade-e-os-novos-achadegos-do-castro-de-valencia-do-sil-vilamartin-de-valdeorras/

Artigos relacionados

Back to top button