Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

Enrique Álvarez: “Queremos seguir facendo o tipo de políticas nas que a xente participa”

O cabeza de lista do PSdeG-PSOE en Vilamartín presentaba o seu programa e a súa candidatura nun acto que abría Alfredo García, candidato socialista no Barco

O Centro Social Santa Lucía acollía na tarde do 23 de maio o mitin do PSdeG-PSOE en Vilamartín. O acto iniciábase coa intervención de Alfredo García, candidato socialista á alcaldía do Barco, quen se amosaba “encantado de ser o teloneiro de Enrique” Álvarez Barreiro, o cabeza de lista do PSdeG-PSOE en Vilamartín e actual alcalde.

“Cando chegou Enrique cambiou o Concello de Vilamartín, poque abriu as súas portas e convertiuno na casa de todos. Enrique quere a Vilamartín e quere que medre, e traballa arreo para conseguilo, o seu obxectivo é mellorar Vilamartín”, dicía Alfredo García, quen tamén lembraba que “o vindeiro domingo non só decidimos alcalde, senón que podemos decidir algo máis: que cambie a Deputación, con outro presidente teríamos unha solución para estrada de San Vicente”.

 

A continuación tomaba a palabra o cabeza de lista dos socialistas vilamartineses, Enrique Álvarez, quen comezaba o seu discurso amosando o seu agradecemento “a todos os que depositástedes a vosa confianza en min hai catro anos”. Lembraba tamén o labor realizado durante o seu tempo na alcaldía e a situación económica na que se atopou o Concello cando entrou, “se non tiveramos esa débeda houberamos posto a Vilamartín onde se merece e, aínda así, fixemos obras. Agora xa temos a débeda saldada e é importante que sigamos gobernando cos proxectos que temos enriba da mesa”.

Álvarez repasou as diferentes actuacións acometidas durante esta lexislatura e avanzou os proxectos que pretende levar a cabo na vindeira de seguir no goberno municipal, apostando polas aldeas, “os pobos existen e nós témolo moi claro”, e promovendo un plan de aforro enerxético para aforrar nos custes do alumeado público.

 

 

Tamén sinalaba que se sacará a concurso o antigo edificio da Cruz Vermella como local para a promoción de produtos típicos da zona e que se traballará na área recreativa do Bañadoiro “para poñela como se merece” cunha remodelación integral que incluirá un carril bici, un campo de fútbol 7, unha pista de tenis, skatepark, unha pista de pádel, etc. “Queremos conseguir que Vilamartín sexa máis atractivo, que a xente se quede nos pobos e que volvan os que se marcharon”, aseguraba.

O candidato socialista aproveitaba tamén para agradecer en público o labor de voluntariado de diferentes persoas en diversas áreas municipais, como a biblioteca, “estiveron traballando a cambio de nada, teñen moito mérito e só teño agradecemento para eles”. E apostaba por “seguir facendo o tipo de políticas onde a xente participa, é moi importante que non perdamos o camiño do asociacionismo, temos que seguir apoiando ás asociacións”.

Finalmente, Enrique Álvarez presentaba aos membros da súa candidatura, un a un, que logo individualmente dirixían unhas palabras aos asistentes.

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

 

Artigos relacionados

Back to top button