Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Entre contos e teatro, na fin do Nadal na Biblioteca de Verín

Despedía o 2018 cunha obra teatral dos seus voluntarios e estreaba o 2019 coa presentación do libro “Amaro sin mar”

Con historias e música encetábase o 2019 na Biblioteca de Verín. O pasado 4 de xaneiro, xa na recta final do Nadal, acollía a presentación e contacontos “Amaro sin mar” obra de Silvia Pazos (con ilustracións de Cristina Nogales). Dela desfrutaban unha trintena de rapaces de entre 3 e 9 anos. Tratábase dunha singular “lectura” musicada e con imaxes, de dous contos por parte da propia autora, mais unha actividade por cada conto, na que participaban os nenos.

Ademais a biblioteca despedía con teatro o ano 2018. Así na tarde do 28 de decembro tiña lugar nesta infraestrutura cultural a representación da obra “Pesadelo antes do Nadal”, con guión orixinal de Noelia Gallego Campos e Miguel Quintas Parada (ambos voluntarios da biblioteca). A representación estivo dirixida a 20 nenos socios de 3 a 9 anos.

Con esta escenificación poñíase fin “ao conxunto de actividades da Biblioteca de Verín que no 2018 reflexa uns números incríbles, con 70 actividades no conxunto do ano, 21 contacontos, 21 conferencias, 11 presentacións de libros, 3 exposicións en gran formato (tranvía, D. Eloy Luis André e a correspondencia de D. Xesús Taboada), e a maiores visitas escolares, obradoiros, visionado de documentais e coma non a Bibliopiscina que ocupou os meses de xullo e agosto de luns a domingo”, destacan os responsables da biblioteca.

No pasado ano ademais esta instalación cultural resultaba distinguida co galardón do Alto Patrocinio do Parlamento Europeo polo conxunto de actividades culturais e a súa visión europista ao contar coa participación de nenos de Portugal. Tamén recollía o premio nacional María Moliner en Madrid de mans do propio Ministro de Cultura.

“Este conxunto de actividades e premios reflexan a boa saúde da Biblioteca do Támega que no 2019, continuará coa laboura de fomento da lectura para os nenos e nenas e as actividades dinamización cultural nas que xa podemos avanzar que repetirá ás xornadas de novela histórica na que estará presente o actual Premio Planeta Santiago Posteguillo entre outros”, adiantan dende a Biblioteca de Verín.

Fotos: Biblioteca Municipal de Verín.

Artigos relacionados

Back to top button