ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Entre contos populares, regueifas e algunha canción con María da Pontragha, no Barco

Esta narradora oral actúaba na noite do 26 de xuño dentro do ciclo “De Perto” co espectáculo “Contos do que non hai”

Curiosas historias de namorados, de fuxidos e non fuxidos, do sol e da lúa, ou outras nas que aparecía ou non o demo, engarzadas con retallos dalgunha canción popular e mesmo unha regueifa. María da Pontragha subíase ao escenario do VI De Perto na praza do Sagrado no Barco na noite do 26 de xuño. Co seu espectáculo mergullaba ao público nos relatos máis dispares da súa parroquia, narracións coa dose xusta de dramatismo pero contados de maneira áxil e cun bo toque de humor que, en ocasións, rozaba a ironía.

Coas historias de Dorinda e Avelino, de Antón do Foxo ou de Rosalía do Coitelo, esta narradora oral completaba unha divertida actuación, baixo o título “Contos do que non hai”, na que conquistaba ao público. Ao final, agradecendo os aplausos, aseguraba que “conto estas historias para vos e tamén para que as compartades”.

O programa do ciclo De Perto, adicado á oralidade, continuará o vindeiro 29 de xuño ás 22:30h. co recital “Eloxio da palabra” do poeta berciano Juan Carlos Mestre.

Fotos: Mónica G. Bellver/ Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button