ConcellosÚltima hora

Entre ladeiras de viñedos, restos de minería aurífera e castros en Éntoma (O Barco)

Unhas 15 persoas participaban na camiñata organizada pola Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras

 

Ao longo de tres horas e media unhas quince persoas mergullábanse na mañá deste 16 de novembro na paisaxe vitivinícola de bancais, pero tamén no patrimonio arqueolóxico e na historia de Éntoma (O Barco). Participaban nunha camiñata de 11,6 km organizada pola Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras.

O percorrido estaba deseñado por Víctor Fernández (Rutas Xanzá) e no seu decurso o arqueólogo vilamartinés Santiago Ferrer ía explicando os diferentes restos arqueolóxicos que podían verse como é o caso de explotacións auríferas romanas ou o castro do Xirimil, detallando como era o seu sistema defensivo, e falando de partes como a croa ou o antecastro. Tamén lles comentaba aos camiñantes a proximidade de Éntoma a unha importante calzada en época romana, a Via Nova, que conserva un espectacular tramo na Serra da Enciña da Lastra (Rubiá).

 

 

A ruta concluía cunha visita á Adega Roandi, onde os participantes degustaban tres viños acompañados de petiscos. Entre os asistentes á ruta había persoas estranxeiras, en concreto de países como Reino Unido, Estados Unidos e Romanía, segundo a organización.

Fotos: Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button