En portadaÚltima hora

“Entre Lobos e Estrelas” cumpre unha década percorrendo a paisaxe nocturna de Trevinca, o teito galego

A décima edición desta marcha nocturna de alta montaña, organizada polo Club Montañas de Trevinca, está programada para o vindeiro 20 de xullo con saída dende Vilanova (A Veiga)
Participantes doutra edición deste percorrido que organiza o Club Montañas de Trevinca./ Foto cedida.

Un verán máis, dende o Club Montañas de Trevinca lánzase unha proposta sumamente atractiva, pero de gran dureza: percorrer á luz da lúa chea o teito de Galicia, Pena Trevinca (2.127 m). A décima edición da marcha “Noite Entre Lobos e Estrelas” terá lugar na noite do 20 ao 21 de xullo e dispón dun total de 40 prazas

Nela cubrirase unha distancia duns 33 quilómetros, dende Vilanova (a 1.217 metros de altitude, no municipio da Veiga), con saída ás 00h., ata a localidade de Porto (Zamora), onde está previsto que remate o traxecto ás 12h. do 21 de xullo. Nesta ocasión o percorrido será o seguinte: Vilanova – Sestil Alto – Pena Trevinca – Lagoas de Piatorta – Fontebibei – Moncalvo – Pico de Poleiros – Valdeinferno – Porto (Zamora).

“Este tipo de actividade de marcado carácter deportivo pola súa dureza e gran desnivel, e ademais, cun significado trazado de alta montaña, realízase durante toda a noite e unha boa parte da mañá do seguinte día, totalizando arredor dunhas doce horas”, explica Antonio Fernández “Cholo” dende o Club Montañas de Trevinca.

Durante o traxecto están previstos varios descansos para coller folgos, momentos que a organización aproveitará para tratar diferentes temas “relacionados cos aspectos glaciares dos ríos e vales do Tera e do Bibei, tamén se falará das construcións do pastoreo (chouzos) e doutros aspectos relacionados coa gandería nas Montañas de Trevinca”, prosegue Cholo Fernández.

A dirección da actividade correrá a cargo de Juanjo Lorenzo Veigas (Técnico Deportivo N2 – Media Montaña), contando con tres colaboradores Antonio Fenández “Cholo” (Técnico Deportivo: Montañismo-Alpinismo-Escalada en Rocha), Mónica Rodríguez Fernández (Técnico Deportiva N1) e Marcos Pérez Rivas.

Máis información:
https://www.montanasdetrevinca.es/07-entre-lobos-e-estrelas-2/

Artigos relacionados

Back to top button