CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Entre mascaradas, no corazón de Lisboa

O Festival Internacional da Máscara Ibérica, que comezaba en Lisboa o pasado 5 de maio, celebrará un desfile con personaxes de diversos rituais na mañá do 8 de maio

Tradicións, música, cultura popular, artesanía, gastronomía e turismo. Son algúns dos elementos en torno ao que se configura o Festival Internacional da Máscara Ibérica (FIMI). Este evento de proxección internacional cumpre once anos cun amplo programa que se encetaba o pasado 5 de maio, coa apertura da Mostra das Rexións (no Rossio) e que continuará ata o domingo 8 de maio con actuacións no Palco Ibérico (como a do grupo mirandés Trasga, no inicio desta galería de imaxes), actividades de animación de rúa, tertulias, etc.

Unha das referencias do programa do FIMI é o seu espectacular desfile de enmascarados, que estaba previsto para a tarde do sábado 7 de maio, pero que tivo que suspenderse por mor das fortes chuvias que caían ao longo de todo o día en Lisboa. Será na mañá do domingo 8 de maio cando os rituais de diferentes puntos da península ibérica tomarán as rúas do centro histórico da capital lusa. Boa parte deles chegan de diferentes zonas de Portugal, pero tamén hai nove celebracións de inverno españolas presentes neste evento, entre elas están os Entroidos ourensáns de Viana do Bolo e de Vilariño de Conso, cos seus folións e Boteiros. Asemade este ano participarán os Mamutzones de Samugheo (Sardeña, Italia) como única tradición de fóra da península. Os que si saían os sábado a pesar da chuvia eran os atemorizantes Diablos de Luzón (Guadalaxara), que percorrían a zona do Rossio.

No mediodía do día do 7 de maio tiña lugar o xantar oficial do XI FIMI no restaurante Sacramento do Chiado. A el asistían representantes das zonas participantes neste festival (entre os que se encontraba o tenente de alcalde de Viana do Bolo, José Antonio Alfonso), así como patrocinadores e membros da organización deste evento, promovido por Progestur en colaboración coa EGEAC (Empresa de Gestão de Equipamentos e Animação Cultural, da Cámara Municipal de Lisboa).

Neste acto interviña o presidente de Progestur, Hélder Ferreira, quen destacaba a proxección intenacional cada vez maior do FIMI e a súa importancia para Lisboa. “Este é un evento da cultura popular, e non é normal que un evento deste tipo gane a dimesión que este conseguiu”. Ademais agradecía a colaboración da EGEAC e da Cámara de Lisboa neste proxecto. De seguido tomaba a palabra a presidenta da EGEAC, Joana Gomes Cardoso, quen fixo fincapé nas características diferenciadoras do FIMI e no gran número de grupos participantes nesta cita. O turno de intervencións pechábao Catarina Vaz, responsable da área de Cultura na Cámara Municipal de Lisboa, que incidía no valor do festival para “mellorar a diversificar a oferta cultural da cidade de Lisboa”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button