ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Entre mouros, cristiáns e litros de viño no campo da Saínza, en Rairiz de Veiga

Trala recreación histórica celebrábase a tradicional e refrescante batalla de viño entre as peñas

 

Un ano máis multitude de persoas se congregaban no mediodía do domingo 22 de setembro no campo da Saínza en Rairiz de Veiga, para asistir á escenificación da batalla entre mouros e cristiáns que se leva a cabo como unha homenaxe á Virxe da Merced. De feito, esa batalla foi instituída como a parte central da romaría en 1840 por parte do misioneiro Manuel Alonso que estivera en perigo de morte en África onde se encomendou á patrona da Saínza, salvándose dunha morte que parecía segura.

Os actos da festa comezaban xa o venres día 20 cun completo programa de actividades pero  era o domingo cando se desenvolvía o acto central. En torno ao mediodía comezaba a procesión e posterior misa campestre e, só unha hora máis tarde, a recreación da batalla entre mouros e cristiáns con vitoira dos segundos que lograban recuperar o estandarte da Virxe da Merced que lles arrebataran.

 

Celebrando a vitoria dos cristiáns con fogos artificiais.

 

Nesta cita (declarada evento de interese turístico galego o ano 2000) na que participaron uns 140 figurantes (70 por bando) comezaba coas palabras de alento por parte do capitán aos guerreiros musulmáns antes de comezar a loita. Trala batalla, os cristiáns celebraron a vitoria cunha potente descarga de fogos artificiais. Antes de rematar a posta en escena, os cristiáns colleron prisioneiros aos moros, volvendo a colocar o seu estandarte no alto do castelo, mentres o xefe das tropas vencedoras daba as grazas á Virxe por telos guiado en tan valente acto.

Lonxe de rematar trala escenificación, a festa continuaba con música e máis actividades, entre as que destaca a xuntanza de pandillas e a particular e refrescante batalla de viño entre os numerosos asistentes.

 

Un momento da gran batalla de viño entre as peñas.

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button