ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Entre romanos, castrexos e gladiadores polas rúas de Qui-Roma

Un percorrido en imaxes por esta celebración na que Quiroga lembra o seu pasado imperial

Dende obradoiros, pasando por espectáculos de cetrería, exposición de bois, pasando por demostracións de fiado tradicional ata desfiles da garda romana. Ao longo do 18 de agosto Quiroga viaxaba dous mil anos no tempo para regresar á época que estaba baixo ás leis do Imperio romano. E facíao a través dunha celebración que atraía a numerosas persoas: a sexta festa castrexo-romana Qui-Roma.

Un dos referentes deste evento era o desfile “Arde-Loucos” que saía ás oito e media da tarde dende a Casa da Cultura da vila lucense e percorría a rúa Real ata chegar ao anfiteatro do Auditorio, onde se daba paso a unha espectacular loita de gladiadores.

 

 

O combate, no que se impoñían os castrexos e no que Melenisa acababa facéndose co trono, finalizaba cunha serie de recoñecementos a persoas que colaboran coa organización, como era o caso dun dos actores. Tamén distinguía a un local comercial pola ambientación do seu escaparate, neste caso era a Librería Celia. E, finalmente, homenaxeábase a Mario Nogueira, que dende a súa edición participa cos seus bois no evento e que este ano realizaba unha exposición de todos os seus animais.

 

 

“É un orgullo estar na terra dos meus avós e espero que á xente de antes isto lle traia moitos recordos. Grazas Quiroga”, dicía este gandeiro agradecido.  Este espectáculo finalizaba cun agradecemento da organización, representada por Andrés Novoa, para os voluntarios que fixeron posible o evento e adiantando que no 2020 “seguiremos loitando. Viva Quiroga!”.

A celebración continuaba cunha paellada e con música ata a madrugada.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://osil.info/vitoria-castrexa-en-qui-roma/

Artigos relacionados

Back to top button