A RúaConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Entre viñedos e historia na segunda ruta enocultural para coñecer A Rúa no outono

Unha quincena de persoas participaban, na mañá deste 30 de outubro, na actividade organizada pola Oficina de Turismo Valdeorras

 

Un día antes do previsto por mor da previsión de intensas chuvias para o domingo, na mañá deste sábado 30 de outubro celebrábase a segunda ruta enocultural organizada pola Oficina de Turismo Valdeorras para coñecer A Rúa no outono. Unha actividade na que se mestura a paisaxe, o viño e a historia desta localidade valdeorresa e á que asistían unha quincena de persoas.

Igual que na primera, o campo de San Roque, diante do cruceiro, era o punto de partida desta andaina de outono que levaría aos participantes ao longo de case 4 quilómetros por boa parte do val da Rúa, a carón do río Sil e entre viñedos.

Con pequenas pincelas de historia (sobre a orixe do nome da Rúa, a pegada romana ou a chegada do ferrocarril) aportadas por Luis Carrón, a ruta pasaba por zonas como A Reza, para visitar o viñedo A Veiguiña de Joaquín Rebolledo, un dos máis singulares e destacados do val, no que Soledad Figueroa, responsable da Oficina de Turismo, explicaba aos camiñantes a historia do Plan REVIVAL (Reestruturación do Viñedo en Valdeorras), clave para a recuperación da variedade godello en Valdeorras.

 

 

O paseo continuaba rumbo ao Aguillón onde tiña lugar a cata de viños de Joaquín Rebolledo (un godello e un mencía) acompañado de empanadas da panadería Tabal, todo produción local. “A idea é, non só promocionar e dar a coñecer A Rúa, senón apostar polos produtos da zona”, explica Soledad, satisfeita co resultado da iniciativa e adiantando que de cara ao futuro abrirán as actividades a toda a comarca.

De feito, para a vindeira fin de semana, o 6 de novembro, teñen programada unha nova ruta, desta volta ata Larouco. Será unha andaina duns 10 quilómetros vinculada á Vía Nova, con saída na Ponte da Cigarrosa ás 15:30 horas e magosto na Panadería O Noso Capricho, de Larouco.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button